Ir o contido principal

O reitor recibiu en San Xerome a investigadora ERC-Starting Grant María Giménez

Viaño entregoulle un agasallo á investigadora. Foto: Servimav
Viaño entregoulle un agasallo á investigadora. Foto: Servimav

O reitor da USC, Juan Viaño, deu a benvida este martes en San Xerome á investigadora María Giménez López, recentemente incorporada á USC como beneficiaria dunha axuda Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC). Estas axudas están consideradas como un dos recoñecementos de maior prestixio internacional no ámbito da investigación, e só se conceden a científicos de excelencia cos proxectos máis innovadores.

María Giménez, a primeira muller que liderará un proxecto ERC na USC, é doutora en Química pola Universidade de Valencia e conta cunha longa traxectoria investigadora en Reino Unido, onde era profesora da Universidade de Nottingham e beneficiaria dunha Dorothy Hodgking Research Fellowship. No seu retorno a España cun contrato Ramón e Cajal, elixiu o CiQUS da USC para desenvolver as súas liñas de investigación centradas no deseño de nanoestruturas híbridas metal-carbono con aplicacións en almacenamento e conversión de enerxía e en espintrónica. Co seu proxecto ERC Starting Grant NANOCOMP vai máis aló, e explorará a aplicación deste tipo de sistemas para a fabricación de nanodispositivos con potencial utilidade no campo da computación de altas prestacións.

Xunto a María Giménez, este ano tamén se incorpora á USC cunha axuda ERC o doutor en Bioloxía pola USC José Castro Tubío, especialista en xenética do cancro cunha traxectoria excepcional que inclúe unha estadía de máis de catro anos no Wellcome Sanger Institute en Cambridge. Ao igual que Giménez, chega á USC como investigador Ramón e Cajal e desenvolverá no CiMUS o seu traballo, co que tenta descubrir novas causas xenéticas do proceso de metástase a través do estudo dun tipo particular de cancros transmisibles que ocorren baixo o mar. O seu caso constitúe un novo paradigma entre os investigadores ERC de Galicia, xa que a súa Starting Grant SCUBA CANCERS estará vinculada ás Universidades de Santiago e Vigo, esta última co beneficiaria na que se desenvolverá parte do proxecto.

O reitor reafirmou na xuntanza o seu compromiso coa estabilización do colectivo de investigadores incorporados á USC, en particular cos ERC. "Estes investigadores teñen demostrado a súa valía e o seu enorme potencial científico, e cos seus proxectos ERC veñen a incrementar o prestixio da USC nos ámbitos da Química e da Medicina. Non nos podemos permitir perder este talento, para que poida ser aproveitado en beneficio dunha actividade investigadora e formativa da máxima calidade”.

Na reunión participaron tamén a vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes; a comisionada do reitor para o Campus Vida e para a coordinación da Rede dos Centros Singulares de Investigación, Dolores Pérez; e a adxunta ás vicerreitoras de Internacionalización e de Investigación e Innovación, María Loureiro.

Estas incorporacións veñen a reforzar as capacidades científicas do CiQUS e do CiMUS, centros de excelencia da USC que acollen a sete dos nove investigadores ERC que desenvolven o seu traballo na institución compostelá. Ambos os dous centros contan co financiamento e a acreditación como Centros Singulares de Investigación do Sistema Universitario de Galicia.

De dereita a esquerda, Isabel Rodríguez-Moldes, María Giménez, Juan Viaño, Dolores Pérez e María Loureiro. Foto: Servimav

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.02.2018.