Ir o contido principal

O reitor Senén Barro asiste en Torino á convención do Programa Columbus

Paralelamente, participa na I Conferencia do Forum Euro Latinoamericano

O reitor da Universidade de Santiago asiste estes días en Torino á convención de membros do Programa Columbus. Ao mesmo tempo, e paralelo á xuntanza da rede universitaria, nesa cidade italiana celébrase a I Conferencia do Forum Euro Latinoamericano, na que Senén Barro tamén intervirá.
Columbus é un programa de cooperación universitaria entre institucións de educación superior europeas e latinoamericanas creado en 1987. O seu obxectivo principal é a promoción do desenvolvemento institucional e a cooperación multilateral para axudar ás universidades a responder aos desafíos relacionados coa escaseza de recursos, a masificación, as demandas de diversificación ou a internacionalización.
Nesta rede están implicadas medio cento de institucións universitarias de Alemaña, Arxentina, Bélxica, Brasil, Chile, Colombia, Costa Rica, España, Francia, Italia, México, Países Baixos, Perú, Portugal e Venezuela.
Forum Euro Latinoamericano de TorinoO Forum de Torino é unha alternativa para que as rexións atopen socios e recursos para desenvolver accións emprendedoras. A tal fin, trata de convocar e congregar aos principais e múltiples actores institucionais públicos e privados interesados na utilización de coñecementos e innovacións tecnolóxicas no desenvolvemento local de América Latina e Europa.
Esta primeira Conferencia anual, celebrada baixo o lema ‘Alianzas público-privadas para o desenvolvemento rexional baseado na innovación’, inclúe talleres temáticos, visitas técnicas, exposicións e sesións plenarias de grupos que traballan en áreas como a tecnoloxía ou os proxectos xerenciais para a mellora de políticas e instrumentos.
O reitor Senén Barro intervirá este venres, xunto con outros responsables universitarios, no panel de conclusións que virá precedido dunha presentación dos resultados dos distintos grupos de traballo da conferencia. Nesta sesión de discusión, o reitor e os demais relatores deberán opinar sobre a oportunidade do Forum e as súas posibilidades de contribución á concorrencia e internacionalización das rexións participantes.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.10.2007.