Ir o contido principal

O reitor Senén Barro impartiu unha conferencia sobre Responsabilidade Social na Politécnica de Cataluña

Dentro das actividades da Cátedra Unesco de Dirección Universitaria

Razóns éticas, estratéxicas e a propia demanda social son os principais motivos polos que a USC fai pública dende o ano 2005 a súa Memoria e Responsabilidade Social, segundo explicou o reitor Senén Barro nunha conferencia pronunciada este luns ante os alumnos do Diploma de Alta Dirección da Universidade, que imparte a Cátedra Unesco de Dirección Universitaria da Politécnica de Cataluña.
O reitor compostelán explicou, tomando como referencia a François Vallaeys, que a responsabilidade social nas institucións de ensino superior equivale a “unha política de calidade ética do desempeño da comunidade universitaria” a través da “xestión responsables dos impactos educativos, cognitivos, laborais e ambientais que a Universidade xera, nun diálogo participativo coa sociedade para mellorar a academia e promover o Desenvolvemento Humano Sostible”.
Neste contexto, Barro explicou que a memoria responsabilidade social que a USC elabora anualmente aborda diversas dimensións da institución, como a tecnolóxica, demográfica, económica, cultural, social, educativa, urbanística ou política. Este documento articúlase ao redor de tres grandes eixes, como son os de compromiso ambiental, social e co desenvolvemento económico, subliñando que “todas as nosas iniciativas, proxectos, e actividades deben ser concibidas para facer tamén achegas ao seu desenvolvemento”.
Este non é unha iniciativa illada xa que a USC, tal e como puxo de manifesto Senén Barro, está a desenvolver un proxecto ético global, no que a responsabilidade social é un dos seus eixes básicos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.01.2010.