Ir o contido principal

O reitor Senén Barro presentou ante un comité internacional de expertos a proposta da USC para a universidade do século XXI

A presentación da USC estivo apoiada por unha comitiva na que se atopaban entre outros, o alcalde de Santiago, o presidente do Consello Social e destacados representantes do mundo empresarial galego
A presentación da USC estivo apoiada por unha comitiva na que se atopaban entre outros, o alcalde de Santiago, o presidente do Consello Social e destacados representantes do mundo empresarial galego
Desenvolveuse en Madrid a segunda fase da convocatoria de Campus de Excelencia Internacional

O proxecto Campus Vida, co que a USC concorreu á convocatoria de Campus de Excelencia Internacional, materializa a visión que a institución compostelá ten das universidades no século XXI. Así o explicou o reitor Senén Barro na presentación do proxecto este mércores en Madrid diante dun comité internacional de expertos.
Nunha xornada inaugurada polos ministros de Educación e de Ciencia, Ángel Gabilondo e Cristina Garmendia, respectivamente, a presentación de Senén Barro foi a primeira dos dezaoito proxectos que conforman a segunda fase da convocatoria de Campus de Excelencia Internacional. Asistiron ao acto máis de cincocentas persoas, xunto cos membro do Comité Internacional que completarán a súa avaliación nos próximos días. Acompañou ao reitor compostelán en Madrid unha comitiva integrada polo conselleiro de Educación, o alcalde de Santiago, o presidente do Consello Social da USC e unha importante representación de institucións e empresas que apoian o proxecto, entre os que se atopaban o presidente de Zeltia, José María Fernández Sousa, o director de Operacións de I+D de Laboratorios Esteve, Eduardo Valentí, e a presidenta da Real Academia Nacional de Farmacia, María Teresa Miras.
O 84% da universidades públicas españolas presentaron proxectos a esta convocatoria, así como practicamente un terzo das privadas (estas non optan ás axudas económicas).
Vocación de transcendenciaA USC co seu proxecto Campus Vida foi unha das universidades españolas mellor avaliadas na primeira fase desta convocatoria. O seu proxecto conta co apoio de varias institucións publicas e privadas. O Ministerio de Ciencia e Innovación, nunha convocatoria complementaria do Programa Campus de Excelencia Internacional correspondente ao Subprograma de I+D+i e Transferencia, concedeulle xa unha subvención de 4 millóns de euros. Deste xeito é, xunto coas Universidades Politécnica de Madrid e Autónoma de Barcelona, unha das tres mellor valoradas.
Campus Vida, ademais dun proxecto que vai mudar a faciana do campus universitario e a organización infraestrutural da investigación universitaria, “consolida a senda da excelencia internacional co obxectivo de situarse como un dos cen mellores biocampus do mundo, converténdose nun vector de crecemento económico e social para Galicia”, apuntou Barro na presentación.
O cambio que postula este proxecto no espazo universitario discorre de xeito paralelo ao desenvolvemento de cinco grandes obxectivos estratéxicos, que atenden ao talento de excelencia; á definición dun marco de I+D+i traslacional; á comunicación entre emprego, empresas e emprendemento; ao asentamento dunha universidade sostible; e do proceso de internacionalización.
Campus VidaO proxecto, en execución desde hai varios anos, supón un redeseño do campus máis emblemático da USC, o Sur, e que constituíu na primeira metade do pasado século a aposta máis clara da USC para camiñar cara a unha universidade moderna e con impacto internacional. Como resumiu conceptualmente o reitor, Campus Vida é á vez Campus e ‘univercidade’ de excelencia internacional na educación superior, a investigación e o emprendemento, pensado para as persoas, comprometido co desenvolvemento sustentable e cun perfil singular en ciencias e tecnoloxías da vida.
O proxecto contempla a creación de novos centros docentes no ámbito das ciencias da saúde; unha Rede de Centros Singulares de Investigación; un ecosistema para a transferencia do coñecemento e a difusión da cultura emprendedora arredor do novo edificio Emprendia; así como a transformación urbanística, residencial, de integración urbana e de espazo natural, que suporá a recuperación dun campus para as persoas. Trátase de “gañar en sustentabilidade e calidade de vida para quen traballe, estude ou simplemente visite o coñecido actualmente como Campus Sur”, engadiu o reitor.
Apoian á USC nesta proposta, conformando unha agrupación estratéxica de organismo públicos e privados, o Concello de Santiago, o CSIC, o CIEMAT, o CHUS, a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, Feuga, o Cesga, o Banco Santander, e as empresas Esteve, Advancell, Nanogap, Neoker, Keramat, Mestre Lab e Galchimia. Ademais, o proxecto conta co aval da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria e a colaboración de Inditex, Zeltia, Almirall e Faes.
Ciencias e Tecnoloxías da VidaA área de Ciencias e Tecnoloxías da Vida da USC, na que se integran xa máis de 750 investigadores, capta anualmente unha media de 14 millóns de euros procedentes de actividades de I+D, na súa meirande parte de accións e proxectos competitivos. Esta actividade, que supón o 43 por cento das publicacións xeradas na USC, trasladouse á sociedade a través de 24 patentes e 7 spin-off creadas nos últimos tres anos.
Infraestruturas e urbanismoCo horizonte fixado en 2015, a transformación do Campus Sur en Campus Vida suporá unha aposta sen parangón no Sistema Universitario Galego. En concreto, no presente ano Campus Vida conta xa coa Aula Docente Roberto Novoa Santos (a carón do CHUS), o edificio Emprendia e o Centro de Investigacións Biolóxicas (CIBUS), aos que hai que lles sumar a primeira fase da reformada Facultade de Bioloxía e do Xardín Botánico e a reforma do Auditorio da Universidade, entre outras.
De cara a 2012 Campus Vida verá concluída a rede de centros singulares de investigación cos de Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS), de Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS), de Tecnoloxías da Información (CITIUS), de Investigacións Físicas (CIFUS) e de Ciencias e Tecnoloxías da Vida (CITEV). Ademais, acometerase o Centro de Biomedicina Experimental (CeBEGa), a nova Facultade de Medicina, a reforma das Facultades de Bioloxía e Química, das residencias universitarias e das instalacións deportivas, así como a reurbanización do Campus e a conclusión do novo edificio do Museo de Historia Natural Luis Iglesias. Xa en 2015 concluirán os traballos das Escolas de Enfermaría, Odontoloxía e Técnica Superior, e das facultades de Farmacia e Ciencias da Educación e do Edificio UXA.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.11.2009.