Ir o contido principal

O reitor da Universidade de Salamanca e o catedrático da Complutense de Madrid Aniceto Charro integran o xurado do VIII Premio Aresa

O premio, destinado a recoñecer as mellores iniciativas de desenvolvemento rural na comunidade autónoma, outorgarase o vindeiro venres en Lugo

O reitor da Universidade de Salamanca, José Ramón Alonso Peña, e o catedrático de Endocrinoloxía e Nutrición da Facultade de Medicina da Universidade Complutense de Madrid Aniceto Charro Salgado completan o xurado da oitava convocatoria do ‘Premio Aresa de Desenvolvemento Rural’. O certame, promovido pola Universidade de Santiago e a compañía Aresa, mantén na súa oitava edición o obxectivo de incentivar a investigación e o desenvolvemento do eido rural, así como as iniciativas empresariais innovadoras no sector.
O xurado reunirase en Lugo o vindeiro venres, 14 de decembro, para outorgar o oitavo premio. O reitor da Universidade de Salamanca e o catedrático de Endocrinoloxía e Nutrición da Complutense de Madrid completan así o tribunal integrado, ademais, polo reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, e o presidente do grupo empresarial lucense que dá nome ao galardón, Álvaro Rodríguez Eiras.
O Premio Aresa busca recoñecer traxectorias persoais, empresariais ou institucionais innovadoras na área agrogandeira como elementos fundamentais para mellorar a calidade de vida e o benestar das persoas vencelladas ao medio rural galego. O gañador percibirá dez mil euros, sendo o premio mellor dotado de cantos na súa especialidade se outorgan en España.
As últimas edicións do Premio Aresa suscitaron un grande interese entre a comunidade científica galega e entre o empresariado. De aí que o presidente da compañía lucense Aresa, que opera no sector dos fertilizantes e produtos gandeiros en España e Portugal, decidise manter a actuación de mecenado en convocatoria anual.
Este premio recaeu na súa primeira edición na industria cárnica Novafrigsa (Grupo Coren), mentres que no 2001 foi recoñecido o investigador Javier Guitián Rivera, por un estudo multidisciplinar sobre a serra de O Courel. Na terceira edición foi distinguida co galardón a Aula de Produtos Lácteos, centro de investigación integrado no Instituto de Investigación e Análises Alimentarias da Universidade de Santiago; na cuarta convocatoria o galardón foi parar ao director xeral de Investigación da Comisión Europea, José Manuel Silva Rodríguez, daquela director xeral de Agricultura no organismo europeo.
Na quinta, a distinción foi para a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega e na penúltima edición o galardón foi para o programa da Televisión de Galicia ‘O Agro-Labranza’ por ser testemuña directa da transformación da cultura agraria e do espazo rural. O premio distinguiu o ano pasado ao Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, premiando o xurado a traxectoria das cen adegas e os preto de tres mil viticultores integrados na mesma.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.12.2007.