Ir o contido principal

O reitor da Universidade de Santiago visitou o complexo romano de Aquae Querquennae

De esquerda a dereira, Santiago Ferrer, Antonio Rodríguez Colmenero, Juan Casares, Carlos Gómez e José A. Armada
De esquerda a dereira, Santiago Ferrer, Antonio Rodríguez Colmenero, Juan Casares, Carlos Gómez e José A. Armada

O reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares visitou este mércores 31 as escavacións que xestiona a Fundación Aquae Querquennae na localidade de Portoquintela-Bande en Ourense. O secretario da Fundación Carlos Gómez Otero, o profesor Antonio Rodríguez Colmenero, así como o director da escavación, Santiago Ferrer, e o alcalde de Bande, José Antonio Armada, acompañaron o reitor. No percorrido polo complexo, Casares eloxiou aos investigadores “porque o coñecemento axuda ao respecto entre os homes, as culturas e as épocas”. O reitor agradeceu tamén o apoio prestado polas institucións implicadas no desenvolvemento deste proxecto, de modo especial ao concello de Bande, pero tamén á Xunta de Galicia, á Deputación de Ourense e ás empresas e entidades implicadas, como Unión Fenosa ou Novacaixagalicia, entre outras. Aquis Querquennis é un extenso complexo arqueolóxico formado por un antigo campamento romano, un poboado e unha mansión sitos na beira do que no seu día foi a Vía Nova, unha calzada romana que discorría entre Braga e Astorga. Antonio Rodríguez Colmenero e o Grupo Arqueolóxico Larouco participan dende 1975 nos traballos de recuperación do conxunto arqueolóxico-paisaxístico articulado arredor do xacemento romano emprazado entre as vilas de Baños e Porto Quintela (Bande, Ourense). Para continuar cos traballos de recuperación e promoción deste xacemento e da Vía Nova romana constituíuse en 1999 a Fundación Aquae Querquennae-Vía Nova, promovida pola Universidade compostelá, a Consellaría de Cultura, o Grupo Larouco, o Concello de Bande, Unión Fenosa e a Deputación Provincial de Ourense, e na que forman parte do padroado Antonio Rodríguez Colmenero e Carlos A. Gómez Otero, ambos os dous da USC. Ademais das ruínas, a Fundación conta cun centro para investigadores e o Centro de Interpretación.

Esta fundación xorde coa finalidade de facer da zona romana de Aquis Querquennis unha oferta con atractivo no contexto do turismo cultural de alto interese e rendabilidade social e cultural. Deste xeito, a Fundación dedícase a protexer, estudar e promover o citado complexo arqueolóxico e os sectores da Vía Nova Romana.

O reitor Juan Casares recibe as explicación do profesor Rodríguez Colmenero

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.08.2011.