Ir o contido principal

O reitor da USC e o alcalde de Ferrol visitaron as instalacións da Estación de Bioloxía Mariña da Graña

O reitor da USC e o alcalde de Ferrol visitaron as instalacións da Estación de Bioloxía Mariña da Graña acompañados de Victoriano Urgorri e Celi Besteiro
O reitor da USC e o alcalde de Ferrol visitaron as instalacións da Estación de Bioloxía Mariña da Graña acompañados de Victoriano Urgorri e Celi Besteiro

O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, e o alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri, visitaron este xoves 13 as instalacións da Estación de Bioloxía Mariña da Graña, acompañados do director do centro, o profesor Victoriano Urgorri, e da vicerreitora adxunta de Infraestruturas e Servizos, Celia Besteiro.
Na visita, o alcalde coñeceu de preto o traballo desenvolvido neste centro de investigación da USC, labor científica que o rexedor municipal considera de grande importancia a prol da protección da ría ferrolá e para o conxunto de Galicia.
A Estación de Bioloxía Mariña da Graña é unha institución científica da USC que se creou coa fin de fomentar e facilitar a investigación e a docencia na bioloxía mariña e o asesoramento e difusión nos temas relacionados coa fauna e flora mariñas de Galicia.
O centro pon a disposición dos investigadores as súas instalacións e medios para o desenvolvemento de traballos científicos, proxectos de investigación, tese de doutoramento e reunións científicas. Ademais, facilita a realización e coordinación de actividades docentes e formadoras para os alumnos, o asesoramento e colaboración en materia de docencia e investigación con entidades publicas e privadas, e o establecemento e coordinación de relacións de intercambio científico con outras universidades e institucións científicas de España e doutros países.
A Estación de Bioloxía Mariña da Graña está emprazada na Vila da Graña na Ría de Ferrol e consta de dous edificios: a Casa do Hórreo e a Casa da Estrela situadas a escasos 20 m da beiramar. No momento da súa posta en funcionamento en 2001 non existía en España ningunha Estación universitaria destas características, a pesares do auxe que este tipo de institucións tiveron, a finais do século XIX e principios do XX, nos países do entorno cultural máis inmediato.
Na Casa do Hórreo os investigadores contan con dous laboratorios dotados con acuarios de auga de mar e outro húmido, igualmente con acuarios de auga de mar circulante en circuíto aberto, sala de mergullo, dúas cámaras de conxelación, e unha cámara de investigación con control de temperatura e fotoperíodo, entre outros equipamentos. Pola súa banda, a Casa da Estrela dedica os seus 500 metros cadrados a fins docentes e á residencia, coa finalidade de facilitar a realización de actividades formadoras para os alumnos de 1º, 2º, e 3º Ciclo.
Xunto a estas infraestruturas e para as actividades de mergullo no mar, a Estación conta con dúas embarcacións con dúas embarcacións de 5,25 metros de eslora con motor fora borda de 55 e 90 cabalos e, para mostraxes dende a superficie, cun barco de fibra de vidro de 12 metros equipado con mangas de plancto e varios tipos de dragas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.12.2007.