O reitor da USC apoia a Facultade de Veterinaria ante o comité internacional de avaliación da EAEVE
![Foto de familia da recepción institucional ofrecida na Deputación de Lugo ó comité de expertos da EAEVE Foto de familia da recepción institucional ofrecida na Deputación de Lugo ó comité de expertos da EAEVE](http://assets.usc.gal/sites/default/files/styles/content_inner_main_image/public/xornal/acontece/imaxes/2018_09/180926vet1.jpg?itok=rjhnrhCQ)
O reitor da USC, Antonio López, apoia a Facultade de Veterinaria diante do comité de expertos que está a inspeccionar o centro e participou este mércores no Pazo de San Marcos, na recepción institucional ofrecida pola Deputación Provincial de Lugo á comisión internacional da Asociación Europea de Establecementos de Formación Veterinaria (Eaeve) que está a avaliar esta semana o centro universitario lugués no marco do proceso de renovación da acreditación europea da Eaeve acadada inicialmente no ano 2002 e posteriormente renovada en 2008 por un período de dez anos.
Antonio López encabezou a ampla representación universitaria que tomou parte nesta recepción institucional, un acto presidido polo presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, e no que , ademais do reitor da USC, tamén interviron como relatores a alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez; a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, e o director do Sistema Europeo de Avaliación da Formación Veterinaria e coordinador deste comité avaliador, o belga Pierre Lekeux.
A sesión, na que que tamén participarán todos os integrantes deste comité externo designado pola Eaeve, un panel de expertos formado por Yngvild Wasteson, especialista norueguesa en hixiene e inspección de alimentos que actuou como presidenta da comisión; o experto italiano en ciencias básicas Mario Baratta; o austríaco Florian Buchner, especialista en animais de compañía; o experto británico en Produción e Sanidade Animal David Barrett. O experto francés en medicina de grandes animais Christophe Buhot, que actúa como representante da Federación de Veterinarios de Europa; a finesa Mirja Ruohoniemi, especialista en control de calidade, e a austríaca Victoria Drauch, en representación do colectivo estudantil, completan a comisión.
O presidente da Deputación Provincial de Lugo, Darío Campos, abriu a sesión cun saúdo de benvida á comitiva internacional, cuxos membros asinaron no libro de ouro da institución provincial en lembranza da súa estadía na capital luguesa. Unha vez rematadas as intervencións e logo dunha fotografía de familia, os participantes neste encontro, que constata o apoio das institucións públicas locais, provinciais e autonómicas á Facultade de Veterinaria da USC, compartiron un ágape.
O acto institucional desenvólvese no ecuador da visita que está a realizar esta comisión avaliadora da Eaeve á Facultade de Veterinaria de Lugo, de onde partirá o venres 28 de setembro, un período que o comité de expertos aproveitou para comprobar e supervisar in situ a veracidade da información achegada previamente polo centro universitario lugués, que elaborou para a ocasión unha ampla documentación que abrangue un total de 11 estándares cos seus respectivos indicadores: organización, finanzas, plan de estudos, infraestruturas e equipamento, recursos animais, recursos docentes, admisión e atención ao estudantado, sistemas de avaliación do alumnado, persoal docente e de administración e servizos, investigación, programas de formación continúa e posgrao, e sistemas de garantía interna de calidade.
O programa desta visita da Eaeve, un proxecto no que dalgún xeito están implicados todas as persoas que estudan e traballan na Facultade de Veterinaria da USC, contempla asemade entrevistas con diferentes sectores do centro universitario, entre os que están incluídos alumnos, persoal da facultade e axentes externos. Estas sondaxes de opinión permitirán aos avaliadores obter a información necesaria para establecer un xuízo o máis preciso posible da situación da Facultade de Veterinaria.
Ampla representación institucional
O carácter transversal e a relevancia que supón para o centro universitario lugués renovar a acreditación europea da Eaeve explica a nutrida representación da USC neste acto institucional, unha sesión na que, entre outros, tamén participou as vicerreitoras de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, e de Organización Académica, Celia Besteiro, ademais do adxunto á Vicerreitoría de Lugo para Internacionalización, Jesús Varela Zapata.
O decano da Facultade de Veterinaria, Germán Santamarina, acompañado de todos os membros do equipo de dirección do centro: Patricia Fernández de Trocóniz y Revuelta, Izaskun Ibaguren Iraceta, Ana María López Beceiro, Rafaela María Amaro González, así como da coordinadora do grao en Veterinaria, Azucena Mora Gutiérrez, tamén participaron nesta sesión, do mesmo xeito que o fixeron os directores de departamentos da USC de Anatomía, Producción Animal e Ciencias Clínicas Veterinarias, Maribel Quiroga; Bioquímica e Bioloxía celular, Juan Ignacio Ramos Martínez, e Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía, Carlos Franco. A ex presidenta da Eaeve e profesora da USC na Facultade de Veterinaria, Ana Bravo del Moral; o director xerente da Fundación Rof Codina, Luis Felipe de la Cruz Palomino; o director do hospital veterinario universitario Rof Codina, Antonio González Cantalapiedra, e a presidenta do Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo, Ana López Pombo, completaron a comitiva académica veterinaria.
O secretario Xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro; o deputado provincial delegado da área de Cultura e Turismo, Eduardo Vidal; o delegado da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, e os xefes territoriais en Lugo das consellerías de Presidencia, Medio Rural e Sanidade, Ramón Carballo, María Olga Iglesias e Begoña Seco, respectivamente, foron outras das autoridades presentes.
Autoridades políticas e académicas, na recepción do comité da EAEVE Bravo del Moral saúda á vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo en presenza de autoridades políticas Representantes académicos e políticos que participaron na recepción
![O reitor da USC apoia a Facultade de Veterinaria ante o comité internacional de avaliación da EAEVE O reitor da USC apoia a Facultade de Veterinaria ante o comité internacional de avaliación da EAEVE](http://assets.usc.gal/sites/default/files/styles/content_inner_image/public/xornal/acontece/imaxes/2018_09/180926vet1.jpg?itok=cqxMmu7Z)
![O reitor da USC apoia a Facultade de Veterinaria ante o comité internacional de avaliación da EAEVE O reitor da USC apoia a Facultade de Veterinaria ante o comité internacional de avaliación da EAEVE](http://assets.usc.gal/sites/default/files/styles/content_inner_image/public/xornal/acontece/imaxes/2018_09/180926vet2.jpg?itok=2CeNyCLE)
![O reitor da USC apoia a Facultade de Veterinaria ante o comité internacional de avaliación da EAEVE O reitor da USC apoia a Facultade de Veterinaria ante o comité internacional de avaliación da EAEVE](http://assets.usc.gal/sites/default/files/styles/content_inner_image/public/xornal/acontece/imaxes/2018_09/180926vet4.jpg?itok=-iQyRfHz)
![O reitor da USC apoia a Facultade de Veterinaria ante o comité internacional de avaliación da EAEVE O reitor da USC apoia a Facultade de Veterinaria ante o comité internacional de avaliación da EAEVE](http://assets.usc.gal/sites/default/files/styles/content_inner_image/public/xornal/acontece/imaxes/2018_09/180926vet3.jpg?itok=2uFuelxU)