O reitor da USC asistiu en Valencia á VII Xunta Xeral de Accionistas de Universia
O reitor da USC, Senén Barro, asistiu este mércores na Universitat de Valencia á xuntanza da VIII Xunta Xeral de Accionistas de Universia, a maior rede de universidades do mundo. Coa asistencia da totalidade dos accionistas, un total de 77 universidades españolas e institucións de educación superior socias de Universia España, no encontro repasouse a actividade desenvolvida durante 2007 e abordáronse os plans futuros da rede, que engloba xa a 1.070 universidades en España, Portugal e Iberoamérica.
Entre os datos máis salientables, o delegado de Universia, Jaume Pagès, subliñou que máis de 93.000 universitarios dos once países en que ten presenza Universia accederon ao seu primeiro emprego a través da rede. A este dato súmase a consolidación de OpenCourseWare como espazo de intercambio de coñecemento, que conta con 47 universidades adscritas, entre as que se atopa a USC, e 145 materias en liña.
Ao longo do pasado ano, a rede universitaria afianzou o seu papel como observatorio de tendencias no eido da educación superior, a través da celebración de diversos encontros aos que acudiron máis de 1.500 participantes, entre reitores e cargos académicos.
O delegado da rede referiuse tamén ao potencial para crear redes sociais que fomentan o ocio universitario, citando como exemplo os máis de 7.000 estudantes que o pasado ano participaron nos eventos deportivos organizados en todos os países.
Xa en 2008, Universia centrará os seus esforzos en consolidar a súa capacidade como rede de cooperación de ámbito global, sinalou o seu delegado. Para elo, seguiranse desenvolvendo proxectos comúns para os 11 países e potenciarase a creación de comunidades virtuais web 2.0 que fomenten a participación máis de seis millóns de usuarios mensuais.
Mellor materia OpenCourseWareLogo da Xunta entregáronse os premios creados polo Ministerio de Ciencia e Innovación e Universia en recoñecemento á mellor materia do ano publicada en OpenCourseWare (OCW). O obxectivo de OCW é a difusión libre do coñecemento a través de medios dixitais, só respectando uns principios básicos de dereitos de autor. Trátase dun proxecto creado polo Instituto Tecnolóxico de Massachussets (MIT) en 2001 que dende os seus inicios recibiu o apoio de Universia, que coordinou a participación das súas universidades socias.