O reitor da USC destaca a importancia de ESTALMAT ao potenciar o "esquivo talento matemático" dos máis novos
Dentro das ‘Xornadas de Preparación do Profesorado do Proxecto de Estimulación do Talento Matemático ESTALMAT-Galicia’, a Facultade de Matemáticas acolleu este venres 29, o acto de presentación do Proxecto ESTALMAT en Galicia que estivo presidido polo reitor da USC, Senén Barro, para quen a iniciativa “serve para potenciar o esquivo talento matemático dos máis novos”.
Na reunión tamén participaron o director do Proxecto Estalmat, Amable Liñan Martínez; o decano de Matemáticas, Juan Manuel Riaño Rey; o subdirector xeral de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo da Consellería de Educación, José Graña Carrodeguas; o director xeral da Fundación Vodafone-España, José Luis Ripoll García; o director da División de Organismos da Obra Social Caixa Galicia, Andrés Cuns Rial; e a coordinadora xeral do Comité Organizador de Estalmat-Galicia, Mercedes Feijoo Díaz.
Durante o acto, o decano da Facultade de Matemáticas explicou as características deste programa facendo fincapé en que esta iniciativa ten por obxectivo detectar, orientar e estimular de maneira continuada o talento matemático de estudantes de 6º curso de Educación Primaria (12-13 anos). Asemade, Juan Manuel Riaño tamén indicou que na actualidade en Galicia xa foron seleccionados 25 rapaces e rapazas de entre os 200 que se presentaron ás probas de selección o pasado 2 de xuño.
Pola súa banda, Amable Liñan lembrou o traballo do creador deste proxecto e resaltou o seu papel catalizador do interese pola matemática que senten algúns estudantes. José Graña continuou apuntando que estas actividades serven para atender á diversidade de alumnado que existe.
As xornadas
As ‘Xornadas de Preparación do Profesorado do Proxecto de Estimulación do Talento Matemático ESTALMAT-Galicia’ continúan a celebrarse ata o sábado 30 a cargo de profesores con experiencia nos Proxectos Estalmat de Madrid e Cataluña. As sesións diríxense aos vinte profesores de matemáticas do distintos niveis do ensino que participarán o vindeiro ano na iniciativa.