Ir o contido principal

O reitor da USC co-dirixe o informe da CRUE 'Universitic 2007: Las TIC en el Sistema Universitario Español'

O reitor da USC, Senén Barro, dirixe xunto ao seu homólogo da Politécnica de Madrid, Javier Uceda, o informe Universitic 2007: Las TIC en el Sistema Universitario Español, realizado pola Comisión Sectorial da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE) sobre Tecnoloxías da Información e das Comunicacións e que acaba de saír á luz.
Universitic informa sobre o conxunto de actividades relacionadas coas TIC nas universidades españolas e realiza unha análise comparativa respecto ao ano anterior que permite comprobar a evolución dos indicadores e avaliar o grao de desenvolvemento das accións de mellora executadas durante o período analizado. Nesta ocasión, o proxecto contou coa colaboración de 49 universidades que representan case o 85 por cento dos alumnos do Sistema Universitario Español.
O estudo para a elaboración do informe realizouse en base aos valores recollidos para o ano 2006 do Catálogo de Indicadores deseñado pola Comisión Sectorial TIC. A iniciativa enmárcase dentro dun proxecto máis amplo de estudo de datos, actualmente en curso, coa recollida da información correspondente a 2007 que finalizará o vindeiro mes de marzo e que servirá para a elaboración dun novo informe actualizado.
A implicación da USC neste proxecto, tanto na fase de investigación como na elaboración desta nova publicación, pode cualificarse de destacada xa que xunto ao reitor compostelán participaron na coordinación da obra o director da Área TIC da USC Javier Franco e os profesores da institución compostelá Sara Fernández, David Rodeiro e Emilio Ruzo como investigadores responsables, nun equipo no que tamén figuraba o docente da Universidade de Almería Antonio Fernández.
Na actualidade, o uso das TIC é un hábito xeneralizado no conxunto das universidades ademais de constituír un elemento fundamental nas tarefas de investigación, no proceso de ensino e aprendizaxe e como apoio á administración e dirección universitarias. A información correspondente ao informe pode consultarse en liña na páxina web da CRUE.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.02.2008.