Ir o contido principal

O reitor da USC inaugura este xoves o VII Congreso Internacional de Emprendemento Universitario sobre 'Spin-offs académicos'

O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, presidirá este xoves 28 o acto de inauguración do VII Congreso Internacional sobre Emprendemento Universitario, que nesta ocasión leva por lema ‘Spin-offs académicos’. A inauguración desenvolverase a partir das 10:00 horas no Salón de Graos da Facultade de Dereito. Ao acto inaugural asistirán ademais o director xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica, Rogelio Conde-Pumpido; o director de Innovación e Proxectos Estratéxicos do Grupo Santander, Salvador Medina Chao; o subdirector xeral de Apoio á Contratación e a Emprendedores da Xunta de Galicia, Jorge Barros de la Peña; e a subdirectora xeral de Xestión do PGIDIT, Xulia Guntín Araujo.
O congreso ofrecerá aos participantes a oportunidade de discutir e intercambiar pareceres no terreo do emprendemento universitario, profundando nas experiencias realizadas en Cambridge e Oxford na creación de spin-off, explicando o novo marco xurídico destes e o acceso ao financiamento para Star-Ups innovadores ou exemplos de spin-off de éxito como Algenex, Crioestaminal ou Nanogap, esta última da Universidade de Santiago. No encontro participarán representantes de entidades financeiras, administracións públicas, así como de universidades da Unión Europea e membros da comunidade universitaria compostelá.
A capacidade das empresas para innovar é un dos factores que contribúen, en maior medida, á competitividade e ao crecemento a longo prazo polo que os organizadores do congreso consideran necesario difundir entre as empresas unha cultura que lles permita beneficiarse das novas oportunidades derivadas dos cambios tecnolóxicos así como artellar medidas de apoio para o financiamento da innovación.
Programa do xoves 28Logo da inauguración oficial, o programa científico do encontro principiará coa intervención do profesor da cátedra de Emprendemento Innovador da Saxion University, Han van der Meer, que pronunciará a conferencia titulada ‘The twente phenomenon. The art of stimulating entrepreneurship’. Seguiralle o director rexional de Servizos de Innovación de Oxford Innovation, Alex Smeets, coa presentación de experiencias de creación de spin-out en Cambridge and Oxford.
A xornada reanudarase ás 16:00 horas cunha sesión na que se analizarán diferentes propostas de spin-off que teñen acadado destacada relevancia. É o caso de Algenex (Alternative Gene Expresion SL), spin-off do Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria; Crioestaminal SA, proposta do Instituto Pedro Nunes da Universidade de Coimbra; e Nanogap, da USC.
‘Novo marco xurídico para a creación de spin-offs universitarios’ é o título do relatorio que pronunciará a partir das 17:45 horas o secretario xeral adxunto da USC, Carlos Gómez Otero, ao que lle seguirá o director de operacións de Uninvest, Martín Rivas Antón, cun relatorio sobre o acceso ao financiamento por parte de start-ups innovadores.
A xornada prevista para o venres, día 29, comezará ás 10:00 horas coa participación do director do programa Innova da Universidade Politécnica de Cataluña, Francesc Solé Parellada, que reflexionar sobre ‘Como conseguir que os investigadores sexan conscientes da necesidade de detectar oportunidades de negocio e de crear empresas?’. Ás 12:30 horas, o director de Innovación e Transferencia Tecnolóxica da Universidade da Frontera, Carlos Enrique Isaacs, e a directora da OTRI da Universidade Católica de Chile, Rosario Retamal, pronunciarán a conferencia de clausura do congreso falando sobre ‘Un exemplo de boas prácticas en cooperación internacional’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.06.2007.