O reitor da USC intervén en Santander no curso da UIMP sobre alternativas e propostas para a gobernabilidade das universidades
O reitor da USC, Senén Barro, participa este xoves e o venres en Santander nun curso de verán da Universidade Internacional Menéndez Pelayo na que expertos de toda Europa debaterán sobre ‘Alternativas e propostas para a gobernabilidade das universidades’. Barro intervirá o venres 5 nunha mesa redonda xunto cos seus homólogos das universidades de Navarra, Illes Balears, Jaume I, de Aarhus (Dinamarca), Aveiro (Portugal) e Torino (Italia).
En boa parte dos países europeos producíronse nestes últimos anos cambios substanciais nas formas de goberno das universidades públicas, como os contidos na recente Lei Orgánica de modificación da LOU en España. Nesta liña, os expertos consideran que existe unha tendencia xeral cara ao fortalecemento dos órganos de dirección, cara novas formas de designación dos órganos unipersoais e cara unha maior autonomía da universidade.
Estes temas definirán os bloques temáticos ao redor dos que xirarán os debates das dúas xornadas previstas, ás que están convidados, entre outros, catro expertos como son o ex reitor da Universidade de Utrecht e das Nacións Unidas, Hans Van Winkel; o reitor da Universidade de Aarhus e membro do Board da EUA, Lauritz Holmes; a presidenta do Institutional Evaluation Programme da EUA e membro da xunta directiva de Columbus, a reitora da Universidade de Aveiro Maria Helena Nazaré; e o reitor do Politécnico de Torino e membro da Academia de Ciencias de Italia, Francesco Profumo.
As xornadas clausuraranas o propio reitor compostelán, en calidade de vicepresidente da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE), e o vicepresidente da Fundación CYD, Francesc Solé.