Ir o contido principal

O reitor da USC presenta este mércores na Casa do Saber de Lugo as liñas estratéxicas do Campus Terra

O alcalde de Lugo, José López Orozco, e o deputado provincial Álvaro Santos, tamén intervirán este acto, que se desenvolverá a partir das 18.00 horas

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares, presentará este mércores, a partir das 18.00 horas, no auditorio da Casa do Saber da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, as liñas estratéxicas do Campus Terra, o proxecto de especialización a través do que a USC busca transformar o campus lugués nun referente científico e social nos eidos do coñecemento vinculados á sostibilidade económica, social e medioambiental da Terra.

O alcalde de Lugo, José López Orozco, e o deputado provincial delegado da área de cooperación e asistencia aos concellos, Álvaro Santos, tamén ofrecerán no marco deste acto a visión das institucións que representan respecto do presente e do futuro da sede universitaria luguesa. O acto de presentación ás institucións públicas das liñas xerais do Campus Terra, cuxo plano estratéxico xa se comezou a desenvolver, reunirá tamén no auditorio da Casa do Saber ao vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón; ao presidente do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela, Manuel Puga Pereira, así como aos directores e decanos dos distintos centros universitarios emprazados no campus de Lugo. Unha vez rematada a quenda de intervención dos distintos relatores, abrirase unha quenda de debate durante a que todos os asistentes poderán presentar as súas respectivas achegas para a elaboración do plano estratéxico do Campus Terra.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.11.2013.