Ir o contido principal

O reitor da USC preside o acto académico da festividade de San Alberte Magno na Facultade de Ciencias

María Jesús Varela Pulpeiro recibe o premio do concurso 'A Ciencia en Imaxe', na Facultade de Ciencias
María Jesús Varela Pulpeiro recibe o premio do concurso 'A Ciencia en Imaxe', na Facultade de Ciencias
Viaño salienta o aumento do 40% do alumnado na Facultade de Ciencias no acto de entrega dos premios do certame de fotografía ‘A Ciencia en Imaxe’

O reitor da USC, Juan Viaño Rey, presidiu este luns na Facultade de Ciencias do Campus Terra da USC o acto académico conmemorativo da festividade de San Alberte Magno, patrón das facultades de Bioloxía, Ciencias, Física, Matemáticas e Química, no marco dunha sesión na que tamén se procedeu á entrega dos premios da terceira edición do certame de fotografía ‘A Ciencia en Imaxe’.

Viaño destacou na súa intervención as contribucións que fan á boa marcha da USC estes cinco centros universitarios da rama das ciencias, ao tempo que fixo especial fincapé no importante aumento do alumnado rexistrado este curso na Facultade de Ciencias do Campus Terra da USC, un centro que incrementou a matrícula nos seus títulos de grao nun 40% respecto ao pasado curso. O proxecto de especialización da sede universitaria luguesa como Campus Terra da USC, unha iniciativa orientada a crear en Lugo un campus de referencia internacional no eido do coñecemento en todas as áreas relacionadas coa terra, medio ambiente, conservación... tamén capitalizou algunhas das palabras de Viaño, quen animou a traballar entre todos para facer realidade este obxectivo. Acompañado dos decanos/nas das facultades da USC que teñen a San Alberte Magno como patrón, ademais doutros do Vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno lema, e outros docentes, o reitor da USC aproveitou a celebración deste acto para presidir a entrega dos premios da terceira edición do concurso de fotografía ‘A Ciencia en Imaxe’, un certame organizado polas facultades de Bioloxía, Ciencias, Física, Matemáticas, Química e pola Real Academia Galega de Ciencias con motivo desta efeméride, e cuxo xurado acordou conceder o primeiro premio a María Jesús Varela Pulpeiro. Tras recoller o diploma acreditativo do galardón, dotado con 300 euros en metálico, a gañadora fixo explícito o seu agradecemento pola colaboración recibida dos profesores Julio Seijas e Pilar Vázquez Tato e “grazas aos que puiden tomar esta imaxe”, dixo. Alicia Pétalos, distinguida co segundo premio, e Marcos Andrés González, que acadou o terceiro galardón, tamén resultaron agasallados no marco deste certame fotográfico, cuxo xurado concedeu cadansúa mención honorífica a Marcos Andrés González e a Luis González Martín. Antes de proceder á entrega de premios, o director xeral do grupo AMSlab, Manuel Lolo Aira, ofreceu un relatorio co título ‘A experiencia de emprender en ciencia desde Lugo’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.11.2016.