O reitor da USC e o presidente do Consorcio de Santiago presentarán as bases do I Premio Fonseca de divulgación científica
O reitor da USC, Senén Barro, e o presidente do Consorcio de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, presentarán este venres 29 a convocatoria da primeira edición do Premio Fonseca de divulgación científica, iniciativa que nace ao abeiro do programa ConCiencia coa fin de incentivar a transmisión do coñecemento científico e o saber ao gran público.
Á presentación, que se vai desenvolver a partir das 11:30 horas no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome, asistirán ademais o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva; o coordinador do programa ConCiencia, Jorge Mira; e o escultor e deseñador do galardón que se entregará aos premiados, Ramón Conde.
Poderán ser candidatas ao premio aquelas persoas acredoras dunha destacada traxectoria no eido da divulgación científica dirixida ao público en xeral mediante unha utilización eficaz das posibilidades que ofrecen os medios de comunicación e mediante o desenvolvemento de métodos ou medios de divulgación científica innovadores.