Ir o contido principal

O reitor da USC recibiu a un grupo de internos do Centro Penal de Monterroso que rematan o Camiño de Santiago

O reitor, Senén Barro, no centro, recibe en Fonseca a un grupo de internos do Centro Penal de Monterroso, ao remate da súa peregrinación dende O Cebreiro ata Santiago, acompañados polo director do...
O reitor, Senén Barro, no centro, recibe en Fonseca a un grupo de internos do Centro Penal de Monterroso, ao remate da súa peregrinación dende O Cebreiro ata Santiago, acompañados polo director do...

O reitor Senén Barro recibiu este xoves 27 no Colexio de Fonseca a un grupo de internos do Centro Penal de Monterroso que chegou a Compostela logo de realizar o Camiño de Santiago dende o Cebreiro ao longo de sete etapas. Esta iniciativa desenvólvese no marco do proxecto ‘Sen Barreiras’ que inclúe diversas actividades culturais e educativas no eido da educación permanente de adultos en coordinación con Alemaña, Francia, Noruega e Turquía.
Na recepción na USC, o reitor estivo acompañado do director do Gabinete de Comunicación da universidade e do presidente da Asociación de Xornalistas e Estudosos do Camiño de Santiago (APECSA), Cristóbal Ramírez, que mantivo cos internos unha charla sobre aspectos históricos e actuais que definen as particularidades do Camiño de Santiago.
O grupo de peregrinos que se achegou á Universidade acompañados polo director do Centro Penal, Víctor Fraga, integrábano oito internos de nacionalidade alemá, arxentina, española, liberiana, romanesa e venezolana. Na comitiva tamén se atopaban o responsable dun centro educativo noruegués de integración de inmigrantes, Bente Grosvold; Antonio León e José Luis Bermúdez, da Consellaría de Educación; Pedro Cantero e Manuel Sánchez, director e mestre do Centro de Educación Permanente de Adultos do Centro Penitenciario de Monterroso; así como outro persoal deste mesmo centro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.05.2010.