O reitor da USC e a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia clausuran a cuarta edición do máster 'Xénero, Educación e Igualdade'
O reitor da USC, Senén Barro; a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Carme Adán Villamarín; e a directora do Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero da USC (CIFEX), Rita Radl Philipp, participarán mañá xoves, día 14, no acto de clausura da cuarta edición do Máster ‘Xénero, Educación e Igualdade’. A sesión comezará ás 12:00 horas no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome.
No mesmo acto, a profesora Rita Radl explicará o contido e alcance do convenio de colaboración asinado recentemente entre a USC e a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar para a realización de actividades de formación en materia de igualdade de xénero para o presente ano.
Tanto o máster como o CIFEX destacan polo seu carácter pioneiro no ámbito universitario. No caso do máster, porque coa súa posta en marcha converteuse no primeiro curso de posgrao galego sobre as relacións entre xénero, educación e igualdade. Pola súa banda, o CIFEX foi o primeiro e único centro de investigación sobre investigacións feministas e de estudos de xénero existente no contexto galego e un dos poucos no ámbito español.