Ir o contido principal

O reitor da USC visitou as instalacións da Confederación Galega de Minusválidos en Santiago

De esquerda a dereita, Álvaro García Bustelo, coordinador xeral de COGAMI; Lourenzo Fernández, vicerreitor de Relacións Institucionais; Anxo Queiruga, presidente de COGAMI; Senén Barro, reitor da...
De esquerda a dereita, Álvaro García Bustelo, coordinador xeral de COGAMI; Lourenzo Fernández, vicerreitor de Relacións Institucionais; Anxo Queiruga, presidente de COGAMI; Senén Barro, reitor da...

O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, visitou este xoves 22 as instalacións da Confederación Galega de Minusválidos (COGAMI) en Santiago (r/ Modesto Brocos, 7) onde foi recibido por Anxo Queiruga Vila, presidente de COGAMI. Barro estivo acompañado polos vicerreitores de Relacións Institucionais e de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, Lourenzo Fernández e José M. Mayán, respectivamente.
A USC leva anos colaborando ininterrompida con esta entidade no desenvolvemento conxunto de diversos proxectos tanto de voluntariado como de adecuación das condicións de accesibilidade nos campus, accións de intervención no ámbito educativo e pedagóxico e servizos de apoio á integración.
VoluntariadoA relación entre a USC e COGAMI para o desenvolvemento conxunto de programas de voluntariado social iniciouse hai máis de dez anos e continuará no futuro ao abeiro dun convenio de colaboración que contempla a execución de actuacións de carácter asistencial, educativas, científicas e de defensa da investigación.
Neste liña, a institución académica compostelá presentará proximamente os Protocolos para a Integración de Persoas con Discapacidade nas vindeiras xornadas ‘Universidade e Discapacidade: Favorecendo o coñecemento, fomentando a participación’, que se van celebrar entre os días 13 e 15 de abril na Facultade de Matemáticas. Para a elaboración destes Protocolos o Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC contou coa supervisión de COGAMI, ONCE, FAXPGA e FEAFES, segundo o tipo de discapacidade atendida.
Eliminación de barreiras arquitectónicasNa actualidade, a Oficina de Arquitectura e Urbanismo da USC traballa na eliminación de barreiras en todas as obras de reforma que se están a acometer nos edificios da institución. Neste senso, destacan as actuacións xa realizadas na Casa Jimena e Elisa Fernández de la Vega e na Facultade de Filosofía, ambos os dous edificios no casco histórico de Santiago hoxe totalmente accesibles, así como a recente remodelación realizada na Piscina Universitaria.
Xunto estas iniciativas, a Oficina de Arquitectura e Urbanismo en cooperación co SUR e o Servizo de Participación e Integración Universitaria presentarán un proxecto para a reforma de habitacións nas residencias universitarias Monte da Condesa e Burgo das Nacións. A iniciativa consiste na adaptación dos espazos residenciais acompañada de programas de sensibilización e apoio a estudantes con altas discapacidades.
I+D+iA colaboración entre a Universidade de Santiago e COGAMI inclúe tamén o labor investigador da USC, xa que a institución académica ten en marcha o deseño, xa na súa fase Beta, do proxecto de Centro Documental para a Vida Independente que pretende converterse no portal para a investigación e a análise sobre a discapacidade no ámbito latinoamericano. Paralelamente, as profesores Beatriz Cebreiro e Carmen Fernández coordinan o proxecto e-Hospital co que se pretende afondar na aplicación das TIC ás persoas con grandes discapacidades.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.03.2007.