O reitor visitou o Laboratorio Láser de Aceleración e Aplicacións da USC, unha instalación singular en España
O reitor Juan Viaño visitou esta mañá as instalación dos Laboratorio Láser de Aceleración e Aplicacións (L2A2), unha plataforma de l+D da USC que ofrece servizos e desenvolve proxectos de investigación relacionados co uso de pulsos láser ultracurtos. Na visita estivo acompañado pola vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes, e o xerente da USC, José Manuel Villanueva.
O L2A2, situado ao pé da Facultade de Física, é un laboratorio multiusuario cunha oferta de servizos a longo prazo e experimentos de duración determinada propostos por investigadores da USC, doutros organismos públicos de investigación e tamén de empresas. Contén un láser de alta potencia, que financiado mediante convenio co MINECO dentro do proxecto Laser-PET coordinado polo profesor José Benlliure.
O deseño e instalación deste equipo foi orientado ás necesidades de I+D en fotónica, física de materiais, física médica e física nuclear. As características técnicas deste láser, con capacidade para xerar pulsos dunha grande potencia e unha duración extremadamente corta, converten a esta plataforma nunha instalación singular en España, onde non só se poderá desenvolver unha tecnoloxía innovadora capaz de producir de forma máis eficiente radiofármacos mediante aceleración láser senón moitos outros proxectos de investigación no ámbito da aceleración láser e as aplicacións dos pulsos láser ultracurtos. A tecnoloxía láser de femto-segundos ofrece grandes oportunidades no ámbito do tratamento de superficies e materiais (fusión, soldadura, perforado,...), así como na fabricación de materiais nanoestruturados, polo que o coñecemento e tecnoloxía que se xeran nestas instalacións serán transferibles ao sector empresarial.
Infraestrutura clave O proxecto Laser-PET recibiu financiamento do fondo tecnolóxico FEDER para construír o L2A2, unha infraestrutura clave da USC equipada coa máis moderna tecnoloxía para permitir a aceleración de partículas por plasma inducido por láser e a súa aplicación á xeración de radioisótopos para imaxe médica PET, que é o obxectivo final do proxecto Laser-PET e o principal deste Laboratorio. Os fins son exclusivamente de investigación, estando descartada a produción de isótopos con carácter comercial.
Ademais, a infraestrutura equipouse convenientemente para o desenvolvemento de experimentos con microfonte de raios X inducida por láser e, a través da coordinación da profesora María Teresa Flores, de proxectos de aplicación do pulso láser de baixa enerxía en procesos de micromecanizado, deseño de compoñentes para microelectrónica e tratamento de superficies, entre outros. Outro obxectivo clave do L2A2 é propiciar a colaboración con empresas a través de servizos que poda prestar esta infraestrutura ou mediante a realización conxunta de proxectos de investigación.
O principal equipamento do L2A2 é un láser ALPHA 10/X da empresa THALES capaz de xerar dous feixes de pulsos láser. O feixe de baixa enerxía proporciona pulsos láser de 1 mJ, cunha duración duns 25 fs e una frecuencia de 1 kHz. O de alta enerxía proporciona pulsos láser de 1.2 J, duracións de entre 100 e 25 fs, un contraste de 10 10 a 100 ps e unha frecuencia de pulso de 10 Hz.
O L2A2 alóxase nun edificio específico que alberga todas as súas infraestruturas ocupando unha superficie duns 700 m 2. O laboratorio está equipado cunha sala limpa onde se atopa o láser, unha zona radioprotexida para realizar experimentos que xeran radiacións ionizantes e unha zona para experimentos que non xeran radiacións ionizantes. Ademais, conta cun laboratorio de instrumentación equipado con instrumental de mecanizado, electrónica, alto baleiro e montaxe de sensores, un laboratorio de óptica e dúas salas de control do láser e dos experimentos que xeran radiacións ionizantes. Unha zona de servizos alberga todos os equipos auxiliares (climatización, subministro eléctrico, comunicacións…).
O L2A2 está equipado cun sistema láser capaz de producir pulsos láser cunha potencia de 50 Teravatios. A posible xeración de radiación ionizante que podería derivarse da incidencia dun láser de alta potencia sobre o material utilizado como branco fai necesario dotar a instalación dos máximos mecanismos de seguridade co obxecto de limitar o risco radiolóxico de acordo á regulamentación vixente. En base a esta regulamentación, o L2A2 vén de obter recentemente do Consello de Seguridade Nuclear (CSN) a autorización para levar a cabo as probas preoperacionais, co que se garante que as persoas que traballan nesta instalación están adecuadamente protexidas fronte a riscos radiolóxicos que se poidan xerar nela.