Reitores chinos e españois reúnense a vindeira semana en Santiago para profundar na colaboración en materia de I+D
Os días 12 e 13 de abril ten lugar en Santiago o III Foro de Reitores Hispano-Chino co que se dá continuidade aos celebrados en Shanghai (2007) e en Madrid (2005) baixo o auspicio dos Ministerios de Educación e Asuntos Exteriores dos dous países e da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE). Nesta ocasión reuniranse en Santiago os reitores de 25 universidades chinas e de máis de trinta españolas que tentarán impulsar a cooperación entre as universidades de ambos países e reforzar os intercambios educativos en materia de ensinanza superior.
InauguraciónA inauguración oficial será o luns ás 9:30 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca nun acto ao que asisten o reitor da USC, Senén Barro; o viceministro de Educación da República Popular China; o conselleiro de Educación da Xunta de Galicia, Jesús Vázquez; o embaixador de China en España, Zhu Baugzao; o secretario xeral de Universidades, Màrius Rubiralta; o presidente da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas, Federico Gutiérrez-Solana; e un representante das universidades chinas.
Este acto servirá para inaugurar tamén oficialmente o Ano 2010 da Lingua Chinesa en España, unha relevante iniciativa na que están previstos multitude de eventos culturais para fomentar a aprendizaxe desa lingua e promocionar a cultura do país asiático.
ProgramaDe maneira concreta, neste III Foro reflexionarase sobre a transferencia do coñecemento e o emprendemento en Universidades e a colaboración entre ambos os dous países. Así, logo da inauguración terá lugar a conferencia ‘Cooperación e entendemento entre China e España: unha visión desde Europa’ e unha presentación das Universidades e sistemas universitarios de China e España a cargo da reitora da Universidade de les Illes Balears, Montserrat Casas, e do vicerreitor da East China Normal University, Zaiyong.
A continuación, desenvolverase o primeiro dos módulos temáticos sobre transferencia do coñecemento e emprendemento nas universidades que inclúe durante toda a xornada intervencións do director do Parque Científico de Barcelona, Fernando Albericio; dos vicerreitores das Universidades de Pekin e Sun Yat-Sen, Wu Zhipan e Xu Ningsheng; e do director de Uniemprende, Carlos Hernández.
Rematará a xornada do luns co relatorio do reitor da Universidade de Las Palmas, José Regidor, e do vicerreitor da Universidade Renmin de China, Yang Huilin, acerca do papel da educación sobre o desenvolvemento dos países a través das múltiples interaccións lingüísticas e culturais.
O Foro continúa o martes con diversas conferencias e actividades nas que se reflexionará acerca da cooperación entre as universidades chinas e españolas e se estudarán casos e novas iniciativas para promocionar a cooperación universitaria.
Igualdade, calidade e cooperaciónNo marco da súa política de fortalecemento das colaboracións internacionais en materia de educación superior, a USC acolle este terceiro foro coa convicción de que os compromisos de ‘igualdade, calidade e cooperación’ establecidos na pasada reunión de Shanghai se verán reforzados coas achegas de todas as universidades participantes.
O evento enmárcase dentro dun proceso crecente de achegamento cultural, tecnolóxico e turístico que se inicia en 2003 coa celebración do Foro Hispano-Chino, continuando en 2007 co Festival da Cultura China en España e o Ano de España en China.
Edicións pasadasNas xuntanzas anteriores, especialmente na de Shanghai, consolidáronse os instrumentos para potenciar a fluidez nas relacións académicas e de mobilidade. A CRUE recolle no seu informe de 2007 os temas máis relevantes destacando o recoñecemento mutuo de estudos, a situación actual e as políticas de atracción para os estudantes, a cooperación académica entre universidades e a formación de profesionais de alta categoría tanto en China como en España.
Ademais, nesa visita a China asinouse o Acordo de Recoñecemento de Títulos e Memorando de entendemento en materia educativa entre os Gobernos español e chino. Os avances dese acordo permiten agora traballar noutros asuntos, como serían os retos da universidade como centros de coñecemento e innovación e as respostas ás demandas da sociedade.