Reivindican un modo de asinar que respecte a diversidade cultural no rexistro científico
Empregar sempre a mesma sinatura científica contribúe á correcta identificación do autor ou autora e incrementa a súa visibilidade, non obstante o modo de firmar unha publicación non sempre respecta as singularidades de cada cultura. A revista Nature acaba de publicar en formato letter a reivindicación do catedrático da USC Jorge Mira Pérez e M. Carmen Parafita Couto da Universidade de Leiden, na que explican como as bases de datos amplamente utilizadas nos países anglófonos “deben atender a contribuíntes de culturas que non sigan o formato dun nome de pila seguido dun apelido”. Tales inconsistencias, explican os investigadores, causan problemas para as referencias académicas.
Estas bases de datos empregan maioritariamente o formato dun nome de pila seguido dun único apelido, enmascarando, deste xeito, a diversidade cultural dos investigadores e investigadoras que, como acontece no caso español, posúen dous apelidos. Deste xeito, o persoal científico tende a botar man do guión para transformar os dous apelidos nun só, ou optan directamente por eliminar un dos dous. “O que facemos os investigadores do universo iberoamericano para evitar esta situación é, ou ben suprimir o segundo apelido (asinar como J. Mira) ou ben poñer un guión unindo os dous apelidos, ou sexa, J. Mira-Pérez. Digamos que hai un paradigma anglosaxón para estas cousas que non é aceptable”, explican os investigadores.
O sistema de nomes anglófonos tamén pode interferir noutros aspectos da investigación, incluídas as solicitudes de subvencións e a inscrición a conferencias. Neste senso, os investigadores reivindican EasyChair como exemplo dun sistema de xestión de conferencias que se diversificou para dar cabida a persoas con dous apelidos ou ningún.