Ir o contido principal

A relación entre os campus universitarios e as cidades nas que se emprazan, a debate nun Coloquio Internacional no Paraninfo da Universidade

Trátase dunha iniciativa incluída no Ano Rodríguez Cadarso

O Coloquio Internacional ‘Campus Universitarios e a súa integración na Cidade. O Campus Histórica da USC’ iniciou este luns 19 no Paraninfo da Universidade as súas sesións de debate como parte das actividades organizadas pola USC dentro do Ano Rodríguez Cadarso.
Entre os temas a tratar, o programa inclúe dúas mesas redondas nas que se prestará atención ás novas funcións que deben atender os campus e como sobrevivir no futuro para evitar a súa desaparición como espazos de entidade propia.
O vicerreitor de Cultura, Elías Torres, o director xeral de Turismo, Rubén Lois, e o director do CETUR, Xosé Santos Solla, inauguraron o coloquio, dando paso de inmediato á conferencia que pronunciou o arquitecto da Oficina de Planeamento Alfonso Díaz Revilla sobre a influencia da Universidade de Santiago na planificación urbanística de Santiago de Compostela no período comprendido entre 1990 e 2008. O profesor da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña Cristóbal Crespo tomou a palabra deseguido coa intervención ‘A Residencia de Estudantes de Santiago de Compostela, arquitectura e contexto’. Para rematar a quenda da mañá, os asistentes realizaron unha visita guiada ao Patrimonio Histórico da USC.
‘As relacións Campus-cidade: futuro, supervivencia ou desaparición’ é o tema da mesa redonda que abre ás 16:30 horas a xornada da tarde. Nela interveñen o vicerreitor de Relacións Institucionais da USC, Lourenzo Fernández; o xerente de Turismo de Santiago, Iñaki Gaztelumendi; o director da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago, o arquitecto Ángel Panero; o catedrático de Botánica da USC, Jesús Izco; e o profesor Xosé M. Santos Solla. A primeira xornada do coloquio pecharase cunha visita á exposición ‘Rodríguez Cadarso. Un reitor para un país’.
O arquitecto Pablo Campos Calvo-Sotelo falará o martes 20 a partir das 9:30 horas sobre ‘Modelos universitario-urbanos ante o EEES: cara o Campus-Didáctico’, tema co que comezará a segunda xornada do coloquio na que o profesor Federico López Silvestre tamén pronunciará a conferencia ‘Paisaxes universitarias. Do deseño de campus ao campus de deseño’.
Logo dunha visita ao Campus SUR da USC pola mañá, a xornada da tarde abrirase coa segunda mesa redonda do encontro sobre novas funcións que deberían atender os futuros campus universitarios. Interveñen os profesores da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña Xosé L. Martínez e Fernando Agrasar; os profesores da USC Manuel Bermejo e José A. Aldrey; e a arquitecta Ruth Varela.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.01.2009.