Ir o contido principal

As relacións históricas entre astures e galaicos, a análise nun encontro da USC no Barco de Valdeorras

O acto oficial de apertura será este xoves 10, ás 13:15 horas, no Mosteiro de Xaguaza

Fomentar o debate sobre o papel da franxa étnico-cultural entre as dúas rexións históricas de astures e galaicos é o obxectivo principal das xornadas que se celebran do 10 ao 12 de xullo no Mosteiro de Xaguaza situado en O Barco de Valdeorras. O acto oficial de apertura do congreso, que será este xoves 10 ás 13:15 horas, contará coa presenza do alcalde do concello Alfredo García Rodríguez.
O encontro ‘Astur-galaicos ou galaico-astures?’ organizouno a Universidade de Santiago, baixo a dirección do catedrático Antonio Rodríguez Colmenero, en colaboración coa Xunta de Galicia, Unión Fenosa e a Fundación Aquae Querquennae-Via Nova.
Xornada do xovesA xornada do xoves comezará ás 9:00 horas coa conferencia ‘Achados singulares do Castro Chao San Martín’ que pronunciará o arqueólogo da Dirección Xeral de Patrimonio do Principado de Asturias, Ángel Villa. A continuación, ás 9:45 horas, o catedrático da Universidade Complutense de Madrid Javier de Hoz fará o propio co relatorio ‘As linguas no noroeste peninsular á chegada de Roma’.
As etnias indíxenas e a administración romana na franxa de contacto analizaranse a partir das 10.30 horas dende a perspectiva galaica e astur por Antonio Rodríguez Colmenero xunto co catedrático da Universidade do País Vasco Juan Santos Yanguas. A sesión vespertina centrarase ás 16:30 horas nunha viaxe de estudo por Cacabelos e Villafranca do Bierzo.
No resto das xornadas falarase das fronteiras asturgalaicas ao longo das Idade Media, os límites entre dominios lingüísticos, o galego oriental, as relacións de parentela entre as grandes familias de ambas comunidades ou a fixación dunha fronteira política, entre outras cuestións.
A clausura do congreso desenvolverase o sábado, día 12, ás 10:00 horas, cun acto ao que asistirán o director xeral de Turismo da Xunta de Galicia, Rubén Lois, e o vicepresidente e conselleiro-delegado de Unión Fenosa, Honorato López.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.07.2008.