Ir o contido principal

Relacións Laborais lembra a humildade e os máis de 35 anos de servizo do profesor Joaquín Vidal Portabales

Homenaxe a Joaquín Vidal Portabales
“Joaquín estaba cheo de coñecemento, amizade, ideas, traballo e humildade”, dixo o reitor Antonio López. FOTO: Santi Alvite
Finado a comezos de ano, o centro impulsará para renderlle homenaxe un certame ao mellor TFG e poñeralle o seu nome á aula 2 da Facultade
Santiago de Compostela

Os máis de 35 anos de traballo que o profesor Joaquín Vidal Portabales, finado a comezos de 2021, dedicou á Facultade de Relacións Laborais da USC foron obxecto dunha sentida homenaxe coa que tanto alumnado como persoal do centro quixo este venres renderlle tributo. “Joaquín estaba cheo de coñecemento, amizade, ideas, traballo e humildade”, dixo o reitor Antonio López. “A Universidade fórmana as persoas como Joaquín”, engadiu, “quen soubo tecer lazos”.

No transcurso do acto, a decana Silvia Moscoso Ruibal, anunciou que tanto a aula 2 do centro como a convocatoria dun premio ao mellor Traballo Fin de Grao levarán o nome do homenaxeado. Na sesión, tamén tomaron parte Manuel Vidal, fillo do profesor Portabales; José Antonio Gómez, amigo da infancia; a ex alumna Sara González; e a profesora da Área de Dereito do Traballo, Consuelo Ferreiro.

Joaquín Vidal Portabales formaba parte do equipo directivo da Facultade de Relacións Laborais de Santiago á que estivo vinculado dende mediados dos anos 80 como profesor da Escola de Graduados Sociais, posteriormente da Escola de Relacións Laborais e, por último, coa actual Facultade. Especialista en Saúde e hixiene laboral e prevención de riscos laborais, foi membro do Claustro Universitario e do comité de Prevención de riscos, entre outras responsabilidades.

Homenaxe a Joaquín Vidal Portabales
O reitor e a decana posan con familiares e amigos do homenaxeado. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.10.2021.