Ir o contido principal

Relacións Laborais revisa a evolución da cultura do traballo coincidindo coa celebración do 1 de maio

Carlos María Alcover, esquerda, e Jesús Salgado Velo. FOTO: Santi Alvite
Carlos María Alcover, esquerda, e Jesús Salgado Velo. FOTO: Santi Alvite
O catedrático Carlos María Alcover de la Hera analizou os cambios experimentados arredor da idade de xubilación, desde as posturas pro-retiro ata as de pro-traballo

A Facultade de Relacións Laborais conmemorou este venres o Día do Traballo, 1 de maio, coincidindo coa celebración do Día do Centro, cun acto presidido polo decano do centro, Jesús F. Salgado Velo. A parte central foi a conferencia ‘Redefinición da xubilación: o emprego ponte como evolución da cultura do pro-retiro ao pro-traballo’, a cargo de Carlos María Alcover de la Hera, catedrático de Psicoloxía Social da Universidade Rey Juan Carlos.

Tras a disertación do profesor Alcover desenvolveuse a cerimonia de entrega dos premios que tradicionalmente entrega a Facultade nesta data. O galardón Profesor Javier Marañón para o estudantado que represente mellor os valores sociais e académicos da Facultade e da profesión recaeu en Leonardo Jorge Chammah e Sara Camiña Rego (premio compartido); o premio Elizabeth Suárez ao mellor expediente académico do curso 2022/23 foi para María de los Ángeles Domínguez Martínez; o galardón Profesor Joaquín Vidal Portabales aos mellores traballos de fin de grao do curso 2022/23 obtivérono Cristina Díaz Bermúdez (primeiro premio) e Cristina Boo Sanz (segundo premio).

A continuación foi a vez dos galardóns que recoñecen o labor desenvolvido polo profesorado, que inclúe cinco modalidades de Premio á Excelencia Académica; no Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos (Profesor do ano) foi para Alejandro J. Tobar Quintanar; en materias de psicoloxía, socioloxía e técnicas de investigación social obtívoo Luz I. Leirós Lobeiras;  en materias de economía, organización de empresas e informática aplicada foi para Eduardo Curto Rodríguez; en disciplinas xurídicas e historia das relacións laborais recibiuno Cándido Calo Amigo, e no Máster Universitario en Xestión e Dirección Laboral foille outorgado a Mario A. Lado Campelo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.04.2024.