Remata o ciclo de concertos Lubicán coa actuación en Maxisterio de Alba Noctua
Os concertos do ciclo Lubicán do ano 2008, organizados dentro do Convenio Lugo Cultural, rematarán coa actuación do grupo Alba Noctua este xoves 18, ás 21:00 horas na Escola de Formación do Profesorado.
Con esta serie de actuacións ao longo do ano pretendeuse achegar ao público lucense a música feita por grupos galegos de diferentes estilos e con diferentes formacións e con representantes de estilos tan diversos como folk, rock, pop, jazz, canción protesta e cantautores.
Alba Noctua, que aúna aos músicos Paloma Suanzes e Miguel Mosquera, constitúe unha curiosa formación combinando voces, guitarras e frautas, como instrumentos principais do seu traballo, que pretenden expresar coa música o que os elementos da natureza lles inspira.
Desde a súa formación como dúo, en novembro de 2005, este grupo propón unha nova procura da universalidade da música como expresión común dos pobos, sempre tomando como base a cultura galega, con composicións propias e outras pezas antigas arranxadas.
O ciclo Lubicán, está integrado dentro da programación do Convenio Lugo Cultural, do que forman parte a USC, o Concello de Lugo, a Consellaría de Cultura, a Deputación Provincial e a Fundación Caixa Galicia.