Ir o contido principal

Remata o Ciclo Música na Compañía cun recital que recrea o universo cortesán dos séculos XII e XIII

O recital correrá a cargo de Manuel Vilas e Charo Pita
O recital correrá a cargo de Manuel Vilas e Charo Pita
Coa narración de miniaturas lendarias, baseadas nos contos de María de Francia e en lais anónimos bretóns, acompañadas dunha arpa medieval

O Ciclo Música na Compañía remata este mércores, día 20, cun concerto a cargo de Manuel Vilas á arpa e de Charo Pita no canto e narración. O recital, organizado pola Vicerreitoría de Cultura con entrada libre, terá lugar ás 20:30 na Igrexa da Universidade.
Baixo o título ‘Miniaturas medievais, lais e cancións de trobeiros dos séculos XII e XIII’, no concerto presentarase un programa que xira arredor dos lais, palabra que designaba unhas composicións musicais medievais que os bretóns tocaban coa arpa en recordo dun suceso destacable. Máis tarde, por extensión, acabou facendo referencia ás narracións breves de tema bretón, nas que o elemento marabilloso e os trazos corteses tiñan un lugar destacado. A montaxe que se propón é precisamente a conxunción das dúas expresións que caracterizan aos lais: a musical e a marabillosa. A través da narración dunha serie de miniaturas lendarias, baseadas nos contos de María de Francia e en lais anónimos bretóns, acompañadas pola melodía dunha arpa medieval, recréase o universo fabuloso, histórico e cortesán do s. XII, unha época na que a palabra escrita só tiña sentido como complemento do oral.
Da vida de María de Francia pouco se sabe. Pertencente a unha familia terratenente normanda viviu na corte do rei Henrique II de Inglaterra, ao que dedicou boa parte dos seus escritos por ser o seu “valente e cortés” mecenas. Muller culta, de castelos e señoríos, dedicou gran parte da súa enerxía ao estudo e á escritura. Comprende tres linguas distintas (bretón, inglés e latín), escribe versos octosílabos en francés e de cando en vez fai referencia a autores da antigüidade clásica e deixa translucir o influxo de obras contemporáneas. Entre 1160 e 1215 traduce do latín, e quizais do inglés, para pracer e instrución do rei e das mulleres e homes do seu círculo. Pero pronto imponse o reto de escribir: decide compoñer lais, en lugar de facer traducións, porque estes requiren dunha maior habilidade.
Os Lais de María de Francia caracterízanse por ser episodios breves ambientados na Bretaña que ofrecen a instantánea dun acontecemento no que se trenza un urdido de emocións. O amor, un amor tráxico e burlesco a un tempo, secreto, imposible, cheo de dificultades e obstáculos, constitúe o tema central destas estampas medievais no que o tratamento dos personaxes e as súas situacións destacan pola súa imaxinación e orixinalidade. Nos seus relatos mestúranse os motivos marabillosos e esquemas argumentais do conto folclórico, coa materia de Bretaña que Chrétien de Troyes, contemporáneo de María de Francia, trataba nas súas novelas.
Ademais, o marco que abre e pecha cada lai fai referencia á figura dela, a autora, como testemuña da existencia deses lais musicais que lle serviron de inspiración á hora de elaborar o relato: “Sobre este conto que escoitades compúxose o lai de Guigemar, que se toca en arpa e rota; a súa música é boa para escoitar”. A influencia das obras de María de Francia, sobre todo dos Lais, as máis coñecidas, esténdese até máis aló do século XIV. Existen copias manuscritas en inglés antigo, alemán antigo, francés, italiano e noruegués antigo. Tal variedade nunha época anterior á imprenta, testemuña a popularidade das súas obras.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.06.2007.