Remata o domingo en Lugo a celebración da Semana Veterinaria Europea
A Facultade de Veterinaria de Lugo celebra, como cada ano, a Semana Veterinaria Europea en estreita colaboración coa Dirección Xeral de Sanidade e Consumidores (SANCO) da Unión Europea. O programa do centro lugués leva desenvolvéndose dende este luns co apoio dos catro colexios veterinarios galegos. Aproveitando o marco do Ano Veterinario Mundial 2011, o estudantado da Facultade está a percorrer as principais cidades galegas para explicarlle aos cidadáns a multitude de funcións que levan a cabo os profesionais veterinarios na sociedade actual como son o manexo e benestar animal, a conservación de especies e do medio ambiente, a sanidade animal, a especialidade clínica en grandes e pequenos animais e exóticos e a seguridade alimentaria. Esta campaña, na que os estudantes atenden ademais as posibles preguntas e curiosidades do público, continúa o sábado na esquina da Rúa da Concordia ourensá e remata o domingo, de 17 a 20 horas, na Praza Maior de Lugo.