Ir o contido principal

Remata a iniciativa 'Ponlle nome' coa exposición das historias contadas polos participantes

A proposta de participación crítica ‘Ponlle Nome’, que se desenvolve na Igrexa da Universidade dende o pasado 16 de decembro promovido pola Vicerreitoría de Cultura da USC, chega ao seu fin este xoves 5.
Pensada a medio camiño entre o obradoiro de debates e a exposición de arte contemporánea, as reflexións teóricas deixan paso a partir deste martes 3 e ata o xoves 5 á exposición das historias contadas polos participantes no proxecto; preguntas e respostas ilustradas en diferentes formatos aos que se irán engadindo as achegas dos propios visitantes.
A mostra explora a importancia de achegarse ás experiencias culturais menos localizadas, as que se atopan espalladas entre a cidadanía, actitudes creativas que habitan o día a día. O que se ve nela son algúns deses momentos nos que reaccionamos emocionalmente ao que nos rodea, situacións nas que construímos novas costumes e linguaxes, experiencias que reinventan o cotiá e renovan o significado dos lugares.
A Igrexa da Universidade permanecerá aberta dende este martes ata o 5 de febreiro, en horario de 11 a 14 e de 17 a 20.30 horas.
Derradeiro debateE xa co marco da exposición o vindeiro mércores, 4 de febreiro, terá lugar ás 19:00 horas o derradeiro debate, no que pode participar toda a cidadanía que constrúe sociedade democrática precisamente cando fai algo que ninguén tiña previsto. Esta é unha aposta por comezar a construír cultura sostible para os tempos que veñen.
Implicación da sociedadePonlle Nome súmase así ao programa ‘Cultura de Lugares’, unha iniciativa xurdida para impulsar a implicación da sociedade nas políticas culturais. Calquera persoa, independentemente das súas habilidades artísticas, puido participar con debuxos, fotografías, vídeos ou anacos de historias que resumían unha actitude propia ou allea, individual ou dun grupo particular, que supoñía ao seu parecer un pequeno contrasentido cotiá.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.02.2009.