Remata este martes o ciclo ‘Tríos de Beethoven’
O Trío Cassadó pecha este martes 24 o ciclo ‘Tríos de Beethoven’ que se desenvolve dende novembro. O recital terá lugar ás 20.00 horas no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia). Nesta ocasión, no concerto interpretaranse pezas de Beethoven e Gaspar Cassadó. O Trío Cassadó O Trío Cassadó intégrano Yulia Petrushevskaya (violín), Thomas Piel (violonchelo) e Javier Vila (piano). O seu repertorio incorpora, ademais de autores do clasicismo, romanticismo e nacionalismo, obras do século XX e XXI que mostran o compromiso desta formación coa música contemporánea, realizando estreas ou reestreas de autores vivos xa consagrados. Yulia Petrushevskaya (Kishinev, Moldavia) conta cunha extensa e recoñecida carreira musical no seu país de orixe, que logo continuou en Rusia e Alemaña. Desde 1999 é violinista da Real Filharmonía de Galicia e participa como profesora de violín e música de cámara na escola de Altos Estudos Musicais. O violoncellista Thomas Piel (Colonia, Alemaña) comezou os estudos no conservatorio da súa cidade natal e continuou formación na Folkwang-Musikhochschule de Essen e en Francia. Cofundador do Ensemble eMeX especializado en música contemporánea, foi tamén primeiro violonchelo solista da Westphaelische Kammerphilharmonie Guetersloh. Dende 2001 pertence á Real Filharmonía de Galicia onde forma parte de varios grupos de cámara. Ademais, ensina violonchelo na Escola de Música Berenguela e colabora coa Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia. Pola súa banda, Javier Vila recibiu dende moi novo numerosos premios ao seu talento como pianista. Formado en Galicia, na actualidade é profesor de piano e coordinador do departamento de tecla no Conservatorio Profesional de Música de Vilagarcía de Arousa.