Remata o prazo para inscribirse nas quintas xornadas ‘Educación e Linguas en Galicia’
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación e o Servizo de Normalización Lingüística da USC convidan a reflexionar esta semana, os días 25 e 26, sobre o alcance dos 30 anos da Lei de normalización lingüística e coñecer as posibilidades que abriu en todos os eidos. Quen desexe participar nas V Xornadas ‘Educación e Linguas en Galicia’ –recoñecidas cun crédito ECTS para todos os graos– dispón ata este martes 22 para inscribirse. Para analizar a implementación da Lei de normalización lingüística, coñecer e valorar a acción institucional, estudar os avances producidos dende a iniciativa individual e colectiva e valorar a necesidade dunha nova lei, os dous días das xornadas reunirán na Facultade de Ciencias da Educación do Campus Vida especialistas do eido universitario e xudicial e mesmo empresarial e deportivo. O programa contempla unha charla da maxistrada do Xulgado do Social de Lugo Dalila Dopazo sobre o cumprimento da lei e mesas de experiencias sobre educación. Ademais, estudarase o galego en diversos ámbitos sociais como o deportivo, o empresarial ou o dos medios de comunicación. O encontro diríxese ao alumnado e o PDI das titulacións impartidas en Ciencias da Educación, así como da USC en xeral e profesorado do sistema educativo galego non universitario.