Ir o contido principal

Remata o prazo de inscrición no curso de verán 'Xustiza e igualdade social: a protección procesual dos colectivos sociais máis desfavorecidos'

Entre o claustro de relatores figura un destacado elenco de expertos nas cuestións a abordar

A protección que ofrece o sistema xurídico español aos colectivos sociais máis desfavorecidos centra o curso de verán que se desenvolverá entre o 22 e o 25 de setembro no Colexio de Avogados de Lugo e para o que este venres 12 se pecha o prazo de inscrición.
Dirixido por Lotario Vilaboy, responsable da Escola de Práctica Xurídica da USC, no curso realizarase unha análise e debate, dende unha perspectiva plural e interdisciplinaria, da protección que o sistema xurídico español ofrece na actualidade aos colectivos sociais máis desfavorecidos, en particular, aos menores, estranxeiros, vítimas da violencia de xénero, persoas con discapacidade e a quen carece de recursos económicos suficientes para defender os seus dereitos ante os tribunais de xustiza.
Entre o claustro de relatores que interveñen figuran expertos de primeira orde como maxistrados, avogados, catedráticos de Universidade ou responsables do Goberno autonómico, entre moitos outros.
O curso estrutúrase maioritariamente arredor de mesas de debate nas que se analizarán cuestións concretas como a situación dos menores traballadores e a súa protección nos Dereitos civil e penal ou o estatuto xurídico constitucional do estranxeiro e o sistema legal español en materia de estranxeiría. As actuacións dos poderes públicos para a igualdade entre homes e mulleres, en concreto no eido laboral, será outro dos aspectos a abordar.
A resposta do Dereito e das administracións ante a discapacidade, a protección xurídica dos colectivos sociais máis desfavorecidos en Portugal, a constitucionalidade da Lei 1/2004 de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero e o acceso á xustiza das persoas con insuficiencia de recursos económicos completan os temas a tratar neste curso de verán.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.09.2008.