Ir o contido principal

Remata o prazo de inscrición no simposio internacional sobre biotecnoloxía

Científicos de relevancia internacional reuniranse os días 27 e 28 de novembro con biólogos moleculares, bioquímicos e tecnólogos de alimentos co obxecto de debater sobre as novas ferramentas da Biotecnoloxía fornte aos novos tempos. Será no transcurso do segundo simposio ‘Biotecnoloxía: novas ferramentas para unha nova era’ que organiza a USC co patrocinio da Fundación Ramón Areces.
O encontro, coordinado polos profesores da USC Tomás Villa, Ignacio Zarra, Jorge Barros e Javier Benavente, xurde co obxecto de profundar nas múltiples potencialidades que ofrece a biotecnoloxía, dende a súa aplicación ao campo dos alimentos como ao da loita contra o cancro ou a conservación do medio ambiente.
Os relatorios xa definidos para o programa docente do encontro propiciarán o debate sobre diversas cuestións. Así, profundarase na utilización de estratexias baseadas en nanopartículas para a detección temperá do cancro; nos métodos a usar para a transferencia xénica no gando; no pez cebra como modelo para cancros humanos; na utilización de peixes pequenos de acuario para o desenvolvemento de monitorización do ambiente ou en como incrementar o benestar do gando por aumento da súa resistencia á mastite a través da enxeñaría xenética, entre outros múltiples temas.
Os interesados en asistir a este simposio internacional disporán de prazo para matricularse ata este xoves 20.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.11.2008.