Ir o contido principal

Remata o prazo de matrícula dos cursos do Módulo Jean Monnet

Son dúas propostas formativas sobre integración europea e dereito privado e o goberno corporativo e a responsabilidade social das empresas

O prazo de matrícula para os cursos Jean Monnet de integración europea e dereito privado e de goberno corporativo e responsabilidade social das empresas remata o 28 febreiro. Nesta ocasión o primeiro deles –a celebrar entre o 20 e 29 de marzo- centrarase en materias relativas á integración europea e á protección dos consumidores na Unión Europea. O segundo analizará do 2 ao 14 de maio cuestións relativas ao bo goberno empresarial e abordará cal é a función das empresas na comunidade -a súa responsabilidade ambiental, o respecto dos dereitos dos traballadores e traballadoras, a igualdade-. Entre o claustro de relatores figuran docentes da USC e especialistas españois e europeos en cada unha das materias. Entre outros, destacan os profesores Cándido Paz Ares, Javier García de Enterría, Alberto Tapia e Antonio Rocero, todos eles catedráticos de Dereito Mercantil; o profesor Udo Reifner, catedrático en Dereito do Consumo na Universidade de Hamburgo; e Toni Williams, catedrática da Universidade de Kent. Ambos os dous cursos son recoñecidos con créditos de libre configuración para todas as titulacións da USC e organízanse desde o recentemente creado Centro de Responsabilidade Social, Goberno Corporativo e Protección do Inversor. Participan ademais o Centro de Estudos e Documentación Europeo e o Instituto de Dereito Industrial e a Xunta de Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.02.2012.