Ir o contido principal

Remata o prazo para participar no obradoiro de elaboración de traballos de fin de grao do Servizo de Normalización

Celebrarase dende o día 9 ao 17 de xuño na Facultade de Dereito e ten recoñecido un ECTS para todas as titulacións

Mellorar a redacción e preparar con eficacia a defensa oral do traballo diante do tribunal é o obxectivo do Obradoiro de elaboración de Traballos Fin de Grao e Traballos Fin de Mestrado que organiza o Servizo de Normalización Lingüística da USC e para o que é preciso inscribirse antes do xoves 5. O curso combinará exposicións teóricas e sesións prácticas, e nas horas non presenciais o alumnado deberá revisar o seu traballo de fin de grao (TFG) ou de fin de mestrado (TFM) segundo o modelo que se lles ofrece e as pautas do curso. Logo haberá unha serie de sesións presenciais de posta en común para comentar as dúbidas, erros e acertos dos traballos. No Obradoiro pode participar todo o alumnado matriculado na materia de Traballo de Fin de Grao ou no Traballo Fin de Mestrado de todas as titulacións. Nas 30 horas do curso, 25 delas presenciais, as persoas que asistan abordarán contidos lingüísticos-documentais (redacción, terminoloxía, corrección e revisión, partes do traballo, uso de modelos) e informacionais (busca, selección e inclusión de recursos de información -Refworks-) para a redacción do TFG/TFM, así como comunicacionais para a defensa do traballo diante do tribunal con apoio de presentacións dixitais. Desenvolverase na Aula Universia da Biblioteca Concepción Arenal, dende o día 9 ata o 17 de xuño en sesións de 2 e 3 horas (de 16.00 a 18.00 ou de 16.00 a 19.00 horas), e mais os días 19 e 20 de xuño en horario de 16.00 a 18.00 horas. Quen se matricule poderá obter o recoñecemento de 1 crédito ECTS por competencias transversais (en lingua galega) e o diploma de asistencia por 30 horas. A matrícula no curso custa 30 euros e faise a través da Secretaría Virtual ata o día 5 de xuño ás 24.00 horas. Este non é o único recurso que o SNL pon a disposición da comunidade universitaria, senón que, para solucionar posibles dúbidas tanto formais como de contido, ofrecen modelos de TFG e TFM, tanto en Word como en Libre Office. Este recurso presenta solucións formais en relación ás partes do traballo (portada, resumo, índices, capítulos, bibliografía...) e ao formato (estilos, paxinación, inclusión de táboas, gráficos ou imaxes) e inclúen ferramentas de apoio á redacción (o idioma do documento está fixado e o corrector automático, listo para iniciarse).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.11.2023.