Remata o prazo de presentación de candidaturas ao Premio Humanitas de accións solidarias
O vindeiro 30 de outubro rematará o prazo para presentar candidaturas á sexta edición do Premio Humanitas que convocan o Consello Social da USC e a Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da universidade compostelá (AAAAUSC). A iniciativa recoñece as accións solidarias levadas a cabo por persoas físicas, colectivas ou asociacións.
Poderán optar ao premio todos os membros da comunidade universitaria da USC así como os socios da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos. Para acceder á convocatoria deberase presentar unha memoria detallada da candidatura, que terá que estar avalada por dous membros do Consello Social, do Consello de Goberno da Universidade ou da Asociación.
O xurado, que fará público o ditame en novembro, estará constituído polo reitor e outra persoa designada por el entre o Consello de Goberno da USC; o presidente e a secretaria da Asociación de Antigos Alumnos; o presidente e un voceiro do Consello Social; e o gañador da edición anterior. O premiado recibirá 3.000 euros, a Insignia de Prata da AAAAUSC e un diploma acreditativo.
Para acadar máis información sobre este premio, as persoas interesadas poden visitar á paxina web da convocatoria http://www.usc.es/gl/goberno/csocial/modules/news/news_0001.html