Ir o contido principal

Remata este xoves en Lugo o Foro sobre Comunicación e Xuventude

O Observatorio dos Medios do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia pon fin ao seu primeiro foro do ano cunha xornada presencial na que participará o profesor da USC Francisco Rodríguez...

O Observatorio dos Medios do CXPG remata mañá xoves en Lugo o debate sobre as relacións entre a mocidade e os medios de comunicación que se celebrou de forma virtual durante o último mes.
O Centro Cultural Uxio Novoneyra acolle a xornada presencial que se estenderá dende as 9:30 ata as 14:00 horas e que se abrirá cunha conferencia do profesor de filosofía do Instituto lugués Eduardo Pondal, Miguel Vázquez Freire. A continuación o profesor de Didáctica das Ciencias Sociais da Escola de Formación do Profesorado do Campus de Lugo, Francisco Rodríguez Lestegás, o xornalista Santiago Jaureguizar, e María Dolores Rodríguez Amoroso, do Consello Galego de Xuventude debaterán sobre o falado.
O acto rematará coas intervencións da concelleira de Xuventude de Lugo, Rosana Rielo e do director xeral de Xuventude e Voluntariado da Vicepresidencia da Xunta de Galicia, Rubén Cela.
O obxectivo deste foro é pór en contacto as experiencias, opinións e puntos de vista dos sectores académico, profesional e das asociacións, polo que a súa asistencia e participación é libre e gratuíta. Dende o pasado 15 de xaneiro, día que comezou o foro, a páxina web do observatorio conta con case trinta achegas de xornalistas, asociacións e investigadores tanto de Galicia como de outros países. A intención da organización é redactar unhas conclusións cos resultados obtidos, aínda que os textos permanecerán disponibles na rede.
Por outra banda, dende o pasado día 12 a páxina web do Observatorio dos Medios conta cun novo foro dedicado neste caso á relación entre os medios de comunicación e os maiores e que se manterá aberto ata o vindeiro 24 de marzo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.02.2007.