Remataron na EPS dous encontros internacionais sobre modelización forestal e manexo sostible de ecosistemas terrestres

A Unidade de Xestión Forestal Sostible (UXFS) da Escola Politécnica Superior de Lugo pechou este venres 6 unha semana de intensa actividade protagonizada pola celebración do II Workshop da Rede de Investigación en Manexo Sostible de Ecosistemas Terrestres (RIMSET) financiada polo Fondo de Cooperación Internacional en Ciencia e Tecnoloxía Unión Europea-México e pola III Reunión do grupo de traballo de Modelización Forestal da Sociedade Española de Ciencias Forestais, con preto dun centenar de asistentes. Nestas dúas xornadas participaron investigadores de toda España así como de México, Alemaña e Portugal. Na sesión de clausura, os asistentes asistiron a nunha xornada de portas abertas ao sector na que se presentaron aplicacións informáticas e protocolos a empresas, administracións e xestores forestais. Ademais, celebrouse unha mesa redonda con expertos universitarios e de diversos organismos autonómicos na que se reflexionou sobre a utilidade dos modelos para a xestión forestal.