Remesas de sustentabilidade ambiental cara a Iberoamérica
O programa de doutoramento en Ciencias Agrícolas e Medio Ambiente da USC que coordina o catedrático da USC Agustín Merino García tense convertido nos últimos anos nunha pasarela de transmisión de coñecemento e de remesas de sustentabilidade ambiental desde Galicia cara a Iberomérica, tal e como o proba o feito de que trece docentes e investigadores de universidades de países latinoamericanos que acadaron a súa capacitación como doutores a través dun programa posto en marcha en 2017 e ao que acaba de incorporarse a Universidade Nacional de Ciencias Forestais (Unacifor) de Honduras.
A pegada internacional do doutoramento en Ciencias Agrícolas e Medio Ambiente da USC, un programa orientado especialmente a investigadores de centros de investigación privados o públicos, profesores de universidades de Iberoamérica, técnicos de ONG..., é cada vez maior e xa conta con doutores e posgraduados en fase de formación en países como Guatemala, Ecuador, México, Brasil, Panamá, Paraguai, Arxentina, Perú, Costa Rica Mozambique e Portugal... Un amplo abano de países e universidades ao que agora se suma a Universidade Nacional de Ciencias Forestais de Honduras, cuxo reitor Emilio Esbeih mantivo este venres un encontro con docentes e investigadores do Campus de Lugo implicados neste itinerario de formación de posgrao.
A xuntanza, na que tamén participou Agustín Merino, especialista en solos e restauración de espazos degradados, así como o coordinador e a investigadora da Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade), o tamén catedrático Manuel Guaita e Verónica Piñeiro, respectivamente, contou tamén coa presenza dos coordinadores dos títulos de grao e másteres de temática agronómica e forestal que imparte a USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo.
Deste xeito, os profesores doutores Alberto Rojo e Santiago Lamosa, en calidade de coordinadores dos graos en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural e Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, respectivamente, así como os coordinadores dos másteres en Enxeñaría de Montes, Ulises Diéguez, e Enxeñaría Agronómica, Santiago Pereira, tamén participaron neste encontro co reitor hondureño, no marco dunha sesión na que tamén tomou parte a profesora e investigadora da USC especialista en sanidade forestal Fina Lombardero, quen forma parte da comisión académica do programa de doutoramento en Ciencias Agrícolas e Medio Ambiente, e o catedrático do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría Roque Rodríguez Soalleiro.
Este primeiro encontro con docentes e investigadores do Campus Terra da USC, ao que, xa pola tarde, seguirá en Santiago unha reunión co reitor da USC, Antonio López Díaz, na que tamén participará a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, serviu para analizar posibles vías de colaboración entre a universidade hondureña e a USC. As posibilidades de mobilidade estudantil, a formación de doutores e a implicación e mesmo de liñas e proxectos de investigación conxuntos son algunhas das liñas de colaboración avaliadas.
Biodiversidade excepcional
O profesor Agustín Merino salientou durante a visita do reitor de Unacifor ao Campus de Lugo que incorporación desta universidade hondureña ao programa de doutoramento en Ciencias Agrícolas e Medio Ambiente da USC, a través da sinatura dun convenio entre a USC e o Consello Superior Universitario Centroamericano (un órgano que abrangue 11 institucións académicas da rexión) abre novas portas á comunidade científica da USC para estudar e pescudar sobre a riqueza forestal e a biodiversidade excepcional que posúe Honduras.
O reitor da Universidade Nacional de Ciencias Forestais (Unacifor) de Honduras, Emilio Esbeih, abundou nesta particularidade ao salientar que “se ben Honduras é un país pequeno situado no trópico, gozamos dunha riqueza forestal e natural moi importante”. Un bosque de piñeiros de máis de 4.500 hectáreas de superficie, un xardín botánico de concentra nunhas 1.400 hectáreas de superficie máis de 1.700 especies de plantas ou máis de 1.300 hectáreas de arboreto son algúns dos exemplos da rica biodiversidade forestal de Honduras, sinalou o reitor da Unacifor, unha universidade creada sobre unha primitiva escola de capacitación forestal.
Somos unha universidade pequena e de recente creación, pero xa contabilizamos máis de 800 estudantes de grao e posgrao con ampla presenza internacional”, dixo Esbeih, para logo concluír que “esta colaboración coa USC constitúe un fito histórico para Unacifor e seguro que reportará múltiples vantaxes ás dúas institucións académicas e ao seu alumnado”.