Renovado o certificado de calidade ISO 9001:2008 dos Servizos de Xestión da Oferta e Programación Académica e de Xestión Académica
Os Servizos de Xestión da Oferta e Programación Académica e de Xestión académica da USC acaban de renovar o Certificado de Calidade ISO 9001 que acadaron en 2005, logo dunha auditoría realizada este mes de abril polo equipo técnico de AENOR.
Nesta avaliación o sistema adaptouse aos requisitos da edición do 2008 da norma ISO 9001 e ampliouse o seu alcance aos procesos levados a cabo en relación aos novos graos.
Esta renovación correspóndese co compromiso que a USC mantén coa mellora continua dos seus servizos e co esforzo realizado para satisfacer as necesidades dos seus usuarios, sendo o obxectivo final consolidar unha posición privilexiada no contorno europeo como universidade de prestixio e referencia que incorpora a preocupación pola mellora da calidade a todas as súas actividades.
Os responsables de Calidade da USC recoñecen o traballo realizado polos profesionais que traballan nos servizos, “que debe ser un aliciente para o resto da Universidade co fin de seguir sumando proxectos eficientes e eficaces”.