Ir o contido principal

Un repositorio institucional recolle casos de Boas Prácticas de calidade nos centros da USC

O reitor, no centro, xuntos cos representantes dos equipos decanais dos centros premiados. Foto. Santi Alvite
O reitor, no centro, xuntos cos representantes dos equipos decanais dos centros premiados. Foto. Santi Alvite
O repositorio estréase incluíndo oito accións doutros tantos centros que poderían ser exportables e que foron recoñecidas nunha convocatoria de premios
Lugo, Santiago de Compostela

A USC acaba de estrear o seu Repositorio de Boas Prácticas, unha iniciativa da Vicerreitoría de Planificación e Proxección Estratéxica que busca fomentar a cultura da calidade e estimular iniciativas que desenvolven os centros neste eido. Este repositorio institucional estréase con oito accións doutras tantas facultades e escolas e que foron premiadas nunha convocatoria específica de recoñecemento de boas prácticas. O reitor Antonio López entregou estes premios nun acto celebrado na Reitoría compostelá na que tamén participou a presidenta da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), Patrocinio Morrondo Pelayo, e o vicerreitor Gumersindo Feijoo.

O repositorio de Boas Prácticas nutrirase anualmente coas prácticas que resulten premiadas a raíz dunha convocatoria aberta aos centros. As accións propostas deben reunir unha serie de requisitos: solucionar un problema ou contribuír á mellora continua da actividade docente e de xestión da calidade; ter completado o ciclo de planificación, implementación, avaliación, axuste e mellora; atoparse en aplicación; ser eficaz, eficiente e efectiva, ademais de sostible, replicable e innovadora; e contar con suficientes evidencias do seu desenvolvemento e eficacia.

Neste primeira convocatoria resultaron premiadas cunha dotación en metálico de 1.000 euros o Plan Executivo de Calidade, proposta dende a ETSE; un programa de apoio a estudantes de mobilidade entrante, da Facultade de Filoloxía; un protocolo de intervención sobre alumnado en risco potencial de abandono en Comunicación Audiovisual, de Ciencias da Comunicación; enquisas específicas de satisfacción dos grupos de interese da Facultade de Química; o Informe sobre materias con baixa taxa de superación recorrente, de Bioloxía; unha proposta de xestión documental do SGC mediante a AASX, de Veterinaria; o Mini-Congreso PEGI (Prácticas Extracurriculares en Grupos de Investigación) de Farmacia; e un ciclo de charlas sobre a práctica profesional da Psicoloxía.

Convocatoria de 2019
O Plan executivo de Calidade da ETSE é unha iniciativa innovadora que facilita un marco de traballo documentado para profundar nos principios xerais dos Sistemas de Garantía de Calidade (SGC), da referencias para a incorporación das persoas aos diferentes cargos de xestión da estrutura de calidade do centro e identifica as actividades a desenvolver no centro en relación coa calidade, así como a súa programación temporal. Esta iniciativa, que xa está vixente dende hai catro anos, é replicable en calquera centro e resulta totalmente sostible ao concretarse nunha ordenación de tarefas e actividades que en todo caso son esixidas.

O programa de apoio a estudantes de mobilidade entrante, promovido pola Facultade de Filoloxía, é unha proposta que se ven desenvolvendo dende o curso 2012-2013 ata a actualidade. Aínda que responde a unha necesidade específica derivada da afluencia numerosa de estudantes de orixe chinés aos estudos da Facultade, é replicable para calquera centro no que se dea a presenza de estudantes estranxeiros de novo ingreso. Contempla diversas actividades como sesións de benvida, atención continuada mediante un horario de titorías da persoa responsable académica de mobilidade e información actualizada na web propia e versión en inglés da información relativa ás materias ofertadas, así como medidas de adaptación curricular.

O protocolo de intervención sobre alumnado en risco potencial de abandono en Comunicación Audiovisual púxose en funcionamento en marzo de 2016 coa intención de desenvolver accións correctivas respecto a colectivos concretos, co obxecto de previr un problema tan relevante como o abandono de estudos. A experiencia desenvolvida dende a aprobación do protocolo demostra a súa eficacia (coa conseguinte redución do abandono no grao de Comunicación Audiovisual) e, en consecuencia, a pertinencia de que sexa replicado noutras Titulacións. De feito, xa se aplica aos graos de xornalismo e ao dobre grao Xornalismo-Comunicación Audiovisual, e xa foi igualmente replicado dende 2018 na Facultade de Bioloxía.

As enquisas específicas de satisfacción dos grupos de interese de Química desenvólvense dende o curso 2014-2015, e veñen completar as posibilidades de obter información sobre a satisfacción dos grupos de interese que fornecen as enquisas institucionais mediante unha actuación directa do Centro. Tamén Bioloxía foi recoñecida pola súa proposta de ‘Informe sobre materias con baixa taxa de superación recorrente’, iniciativa en funcionamento dende o curso 2014-2015 que atende a unha dimensión importante dos SGC: fornecer de instrumentos para corrixir posibles deficiencias no desenvolvemento da acción docente.

A proposta de xestión documental do SGC mediante a AASX é unha acción da Facultade de Veterinaria que aposta polo uso da ferramenta corporativa para a xestión da calidade (AASX). Pola súa banda, tamén Farmacia resultou premiada nesta convocatoria polo Mini-Congreso PEGI, punto final dunha actividade circunscrita ás prácticas curriculares optativas para o alumnado do Grao en Farmacia que procura integrar no proceso de formación do estudantado a conexión experiencial coa dimensión investigadora das disciplinas. Completando o cadro de accións premidas, tamén foi recoñecida a proposta de Psicoloxía co seu ciclo de charlas sobre a práctica profesional neste eido profesional. O seu obxectivo é facilitar información ao estudantado sobre o exercicio profesional para o que o habilitan os estudos que cursan, permitíndolles unha orientación de cara á súa empregabilidade. A iniciativa desenvólvese dende o curso 2016-2017 e as enquisas de satisfacción deixan constancia da súa boa valoración así como o crecente número de estudantes participantes.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.12.2019.