Ir o contido principal

Os represaliados da Guerra Civil e a posta en marcha do EEES, temas da visita do vicerreitor de Relacións Institucionais ao presidente da Deputación de Lugo

O vicerreitor de Relacións Institucionais da USC, Lourenzo Fernández Prieto, mantivo esta mañá un encontro co presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, nunha visita de cortesía que aproveitaron para falar, entre outros temas, sobre a posta en marcha do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) e a recentemente inaugurada escultura de Acisclo Manzano en homenaxe aos represaliados universitarios.
O motivo principal desta xuntanza foi ofrecer o agradecemento da USC pola colaboración prestada pola institución provincial na realización do conxunto escultórico de Acisclo Manzano, en homenaxe aos represaliados da comunidade universitaria durante a Guerra Civil e que foi inaugurado nos últimos días de setembro. Así mesmo, acordaron manter esta colaboración nos diferentes actos e actividades que se celebrarán no futuro por este motivo e axilizar a firma do convenio que rexerá estes actos.
Outro dos temas de conversación foi a construción do Espazo Europeo de Educación Superior, no que está traballando a USC e que suporá para os estudantes e docentes da Universidade a verdadeira converxencia con Europa e, ademais de ofertar os estudos que se realizan en Santiago e Lugo fóra do territorio nacional. Fernández Prieto solicitou o apoio do novo presidente da entidade para “evitar que este proceso non se convirta nun problema para a súa posta en marcha”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.10.2007.