Ir o contido principal

Representantes de 45 universidades de América e Europa participan na USC nunha xornada aberta de cooperación

45 universidades de trece países de latinoamérica e Europa reúnense este xoves 4 na USC nunha xornada aberta de cooperación que se vai celebrar co lema ‘O papel do coñecemento no desenvolvemento: necesidades de investigación e innovación en América Latina’. Este xornada intégrase nas reunións de traballo que o programa Erasmus Mundus-External Cooperation Window (EM-ECW) celebra entre os días 3 e 5 na Universidade compostelá.
O encontro permitirá debater as liñas estratéxicas para a cooperación universitaria ao desenvolvemento no ámbito de iberoamérica e indentificar as accións prioritarias que se poderán desenvolver durante os proxectos así como os instrumentos máis adecuados para que os resultados podan ser transferidos á sociedade.
A cita será a partir das 9:00 horas no Centro de Estudos Avanzados da USC dende onde se vai retransmitir en videoconferencia para o Campus de Lugo, onde a xornada se vai celebrar na Escola Politécnica Superior. Ao acto inaugural, que presidirá o reitor Senén Barro está prevista a asistencia do secretario xeral de Universidades, Alberto Díez de Castro; o subdirector xeral de Modernización e Promoción da Investigación Universitaria do Ministerio de Educación, Luis Delgado; a coordinadora de Erasmus Mundus, Mar Duque; e o vicerreitor de Política Internacional, Agustín Merino.
Erasmus MundusA Universidade de Santiago asumiu un papel destacado no desenvolvemento do programa Erasmus Mundus-External Cooperation Window a través do que coordina na actualidade tres proxectos internacionais. O programa representa, segundo os promotores da iniciativa, unha oportunidade singular para contribuír a fortalecer as rexións en desenvolvemento a través da actualización dos estudos e o persoal universitario.
Mediante estas accións están previstas máis de mil estadías de colaboración para o que a UE destina dez millóns de euros anuais que serán xestionados na súa totalidade pola USC.
Estas estadías diríxense á realización de estudos de grao, máster, doutoramento así como a persoal docente, tomando como temáticas de referencia múltiples disciplinas, dende educación ou enxeñaría ata saúde, medio ambiente e ciencias sociais. Esta mobilidade concíbese ademais como unha oportunidade para desenvolver proxectos en temas que son importantes para a economía e o desenvolvemento dos países.
Compromiso co desenvolvementoA USC estase mostrando especialmente activa en proxectos de cooperación universitaria para o desenvolvemento. Neste senso ocupa unha posición de liderado con máis de quince proxectos anuais da AECID, cinco proxectos EM-ECW, catro proxectos Tempus e dous programa propios de formación de doutores e de colaboración de persoal docente (http://www.usc.es/internacional). A través destes proxectos a USC contribúe á modernización das estruturas e estudos universitarios en América, África e Asia ao tempo que axuda a explorar proxectos de interese neses países.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.02.2010.