Representantes de 46 países comparten na USC os últimos avances na xenética para a produción acuícola
Trescentos delegados de 46 países danse cita esta semana, ata o sábado 27, na duodécima edición do Simposio Internacional de Xenética en Acuicultura que organiza o Grupo ACUIGEN da USC coa colaboración da Fundación CETMAR. O encontro inaugurárano oficialmente na Facultade de Dereito o reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño Rey; o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; e o catedrático de Xenética do grupo ACUIGEN, Paulino Martínez Portela. O desenvolvemento que a xenética experimentou nos últimos anos, xunto co abaratamento dalgúns dos procesos imprescindibles para a aplicación de marcadores e outras ferramentas, converteron esta disciplina nun piar fundamental para resolver algúns dos principais problemas que impiden o despegue definitivo da acuicultura. Así, a resistencia a enfermidades ou outras características de interese veranse favorecidas mediante a aplicación de programas de selección baseados en marcadores xenéticos, segundo lembran os promotores deste simposio. Na actualidade, apenas un 20% do consumo de produtos da pesca na UE procede da acuicultura europea, que xera arredor de 70.000 postos de traballo directos. Malia tratarse dun sector en expansión a nivel mundial, o seu crecemento en Europa foi escaso dende o comezo da década pasada. Por este motivo, a Comisión Europea incluíu na reforma da Política Pesqueira Común unha serie de medidas estratéxicas co obxecto de incrementar a competencia e contribuír ao desenvolvemento deste sector. O Simposio Internacional de Xenética en Acuicultura constitúe, neste senso, un acontecemento de gran transcendencia, que converte a USC no centro internacional desta disciplina durante unha semana con centos de especialistas que compartirán os resultados e as liñas de investigación máis novas nun sector estratéxico para Galicia e para España e nun contexto de expansión internacional. Incremento da participación empresarial Destaca tamén o incremento da participación empresarial no evento dado que aproximadamente un terzo das organizacións asistentes serán empresas, que poderán aproveitar a presenza dos expertos internacionais para establecer contactos e coñecer polo miúdo as oportunidades que os avances na xenética ofrecen ao desenvolvemento da produción acuícola. De feito, o simposio conta cun día especialmente dedicado á industria. Será o mércores 24 cando terá lugar unha mesa redonda, de acceso libre, sobre transferencia de tecnoloxía na que o secretario xeral da Federación de Produtores Europeos de Acuicultura, Courtney Hough, debaterá sobre as prioridades da industria europea respecto da investigación en xenética neste sector.
O comité organizador do ISGA 2015 está presidido polo catedrático Paulino Martínez e formado por membros do grupo de investigación ACUIGEN do departamento de Xenética da Facultade de Veterinaria de Lugo e investigadores do INIA (Instituto Nacional de Investigación Agroalimentaria) en Madrid. O evento conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Consellaría do Medio Rural e do Mar, de Economía e Industria a través da Axencia Galega de Innovación e do IGAPE e da de Educación, así como do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.