Representantes da Área de Valorización participan na cuarta xuntanza de seguimento do proxecto Spin-off Lean Acceleration
Representantes da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE) participaron en Medellín (Colombia) na cuarta xuntanza de seguimento do proxecto Erasmus+ Spin-off Lean Acceleration (SOLA), xunto con representantes da Autónoma de Madrid, da Universidade de Sao Paulo, da Universidade EAFIT, RedEmprendia, da Universidade de Porto, da Università de Calabria, da Universidade de Antioquia e da Universidade de Campinas.
No encontro puxéronse en común os avances dos distintos grupos de traballo do proxecto coa idea de desenvolver un itinerario formativo para técnicos de emprendemento e idear unha metodoloxía común de asesoramento a emprendedores. Coincidindo coa xuntanza, tivo lugar tamén unha misión comercial de spin-offs xurdidas na RedEmprendia á cidade de Medellín, onde os emprendedores tiveron ocasión de coñecer de primeira man as estruturas empresariais da cidade, así como manter reunións bilaterais cos principais empresarios da mesma.
SOLA
Spin-off Lean Acceleration é un proxecto internacional para fortalecer as capacidades das universidades na aceleración de spin-off e startups baseadas no coñecemento. Liderado por RedEmprendia e co apoio financeiro do programa Erasmus+ da Unión Europea, o proxecto SOLA suma a experiencia e coñecemento de oito universidades de Europa e América Latina co obxectivo de deseñar e implementar un itinerario formativo dirixido ao persoal técnico de incubadoras e centros de apoio ao emprendemento das universidades.
Nos diferentes módulos de SOLA abórdanse cuestiones estratéxicas para o desenvolvemento de spin-off e startups universitarias, tales como propiedade intelectual, internacionalización, finanzas para emprendedores, certificacións de calidade, redefinición estratéxica ou a metodoloxía lean startup.