Representantes das oito institucións integrantes do proxecto Nanovalor participan no I Foro sobre a valorización dos resultados de I+D en nanotecnoloxía
A nanotecnoloxía é o eixo central arredor do que agruparon oito institucións da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, entre as que se atopa a USC, co obxecto de fortalecer os vínculos institucionais entre os actores clave neste campo. Para logralo, púxose en marcha o proxecto Nanovalor, concibido como un polo de competitividade que impulse de forma estratéxica unha verdadeira cooperación territorial neste ámbito. O proxecto conta con financiamento dos fondos FEDER a través do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013 (POCTEP). Da parte galega participarán nesta iniciativa un total de vinte grupos de investigación da USC de marcado carácter interdisciplinario, xunto coa Fundación Empresa-Universidade Galega e a Asociación de Investigación Metalúrxica do Noroeste. Os restantes integrantes de Nanovalor corresponden á rexión do norte de Portugal, sendo estes a Universidade de Minho, coordinadora do proxecto, o Laboratorio Ibérico de Nanotecnoloxía, Tecminho, Inescporto e a Universidade de Porto. Co obxecto de avanzar nos seus obxectivos, o proxecto celebrará este martes 6 na Universidade de Minho o seu primeiro Foro de Discusión articulado arredor de tres bloques temáticos. Neles abordarase a construción de consorcios estratéxicos entre centros de I+D e empresas, a experiencias destas en proxectos e desenvolvemento de produtos na área de nanotecnoloxía e a transferencia de tecnoloxía, incubación de empresas e valorización de resultados. Na xornada participarán tanto investigadores como responsables de xestións da institución compostelá así como de empresas de base tecnolóxica participadas pola USC para achegar o súa achega neste ámbito. Transferencia de tecnoloxía A colaboración e a transferencia de tecnoloxía entre centros de investigación e empresas atópase na base do modelo que se pretende imprimir a Nanovalor, como polo de competitividade, o que potenciará o fluxo de recursos humanos, científicos e económicos, á vez que o fortalecemento da cooperación transfronteiriza. Así, as principais accións que acometerá o proxecto serán a creación de modelos eficaces de transferencia de tecnoloxía adaptados ás actividades de I+D en nanotecnoloxía na eurorrexión. A posta en funcionamento de Nanovalor supón ademais a primeira proposta que interrelaciona a empresas e institucións de investigación galegas e portuguesas no eido da nanotecnoloxía. Neste senso, o proxecto traballa actualmente na realización dun censo de investigadores e empresas vinculadas con este campo, primeiro paso para o establecemento de comunidades de investigación, desenvolvemento e innovación especializadas. Ademais, este coñecemento recíproco permitirá promover a innovación en produtos, servizos e procesos a través da valoración conxunta dos resultados de I+D. Campo de referencia O campo da nanociencia e a nanotecnoloxía é unha área con proxección de futuro e un marcado carácter interdisciplinario. Nos últimos anos, a investigación desenvolvida na USC neste ámbito supuxo un volume de máis de quince millóns de euros xestionados en proxectos. Nanoterapia e diagnose, liberación de fármacos ou medicina rexenerativa, así como nanomateriais, son algúns dos ámbitos de aplicación e traballo nos que se manifesta o traballo realizado nos laboratorios da universidade compostelá, con especial incidencia para a saúde, a medicina, a farmacia, a alimentación ou a agricultura, entre outros. A web do proxecto (www.nanovalor.org) albergará esta comunidade internacional permitindo a consulta e interrelación entre os socios e actores interesados.