Ir o contido principal

Representantes do sector e investigadores analizan en Dereito os retos asociados á reforma da política pesqueira común

De esquerda a dereita, Luís Míguez, Juan Viaño, Juan Maneiro e Julio Jorge Urbina. Foto: Servimav-USC
De esquerda a dereita, Luís Míguez, Juan Viaño, Juan Maneiro e Julio Jorge Urbina. Foto: Servimav-USC

Os retos formulados pola reforma da política pesqueira común éo tema no que se centran as Xornadas sobre a gobernanza marítima europea que organiza a Área de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais. Esta reforma, explican os promotores do encontro, encamíñase a revisar os enfoques tradicionais na administración dos recursos vivos mariños e a formular novos criterios de ordenación pesqueira que permitan continuar coa súa explotación pero tendo cada vez máis en conta os aspectos relativos á conservación e ao medio ambiente.

As xornadas celébranse na Facultade de Dereito este xoves 5 e o venres 6 cunha carga lectiva de 15 horas e dentro do proxecto de investigación ‘A reforma da gobernanza pesqueira internacional e europea. Retos para o sector pesqueiro español’ que financia o Ministerio de Economía e Competitividade. O equipo de investigación reúne a investigadores dos departamentos de Dereito Público e Teoría do Estado e de Economía Aplicada da USC, así como a investigadores do Instituto de Estudos Marítimos da Universidade da Coruña e da Universidade de Porto.

O reitor Juan Viaño presidiu a inauguración do congreso nun acto na Sala de Xuntas da Facultade de Dereito no que tamén participaron o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Juan Maneiro Cadillo, o decano da Facultade, Luís Míguez Macho, e o profesor e co-coordinador do encontro Julio Jorge Ubrina. Os relatorios deste encontro agrúpanse entre bloques temáticos nos que se reflexionará sobre o compromiso da Unión Europea coa protección da utilización sustentable dos mares e a protección dos ecosistemas mariños; a reforma da política pesqueira común; e a dimensión exterior desta política.

Durante as diferentes sesións combinaranse as análises xurídicas e económicas e prestarase unha especial atención ao alcance do marco normativo europeo nos sectores pesqueiro español e galego. Para isto o programa inclúe a participación de representantes do sector pesqueiro dado o seu peso específico en España e en Galicia e polas repercusións sociais que ten en termos de empregos relacionados coa actividade pesqueira.

No mesmo programa, está prevista unha mesa redonda na que o investigador da USC Sebastián Villasante, xunto a representantes de CETMAR, da Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo e de ANFACO-CECOPESCA achegan os seus puntos de vista sobre o impacto socio-económico da reforma, a situación da pesca artesanal no novo contexto, as repercusións para a flota galega ou o impacto para o sector da transformación de produtos do mar. O secretario xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Andrés Hermida Trastoy, pronunciará a conferencia de clausura tratando a posición de España antes os cambios propostos neste sector a nivel europeo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.11.2015.