Ir o contido principal

Representantes de servizos audiovisuais universitarios españois reúnense este xoves e o venres na USC

A Reunión de Servizos Audiovisuais Universitarios Españois (SAVUES) 2007 celebrarase este xoves 12 e o venres 13 na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC organizada polo Servizo de Medios Audiovisuais da institución docente compostelá coa participación de representantes de toda España.
O programa da xornada comezará ás 9:30 horas cunha sesión dedicada aos aspectos técnicos da TV-IP por Lambda Stream. Seguiralle unha intervención sobre a TV-IP da UPB co grupo Godó coa que rematará a sesión matinal. Xa pola tarde, a directora dos programas culturais da Asociación de Televisión Educativa Iberoamericana (ATEI), Carolina Espinoza, referirase á liña de traballo desta asociación, dando paso a un relatorio no que se analizará a experiencia en materia de TV-IP da Universidade de Vigo.
Os aspectos xurídicos dunha asociación será o tema que inicia o programa do venres 13, cun relatorio a cargo da profesora de Dereito Civil da USC Antonia Nieto Alonso. Deseguido, os asistentes procederán á creación da Asociación da Rede de Savues, e Olegario López presentará a iniciativa Vives Media. A sesión rematará xa pola tarde cun novo relatorio no que se presentará a experiencia da Universidade de Valencia en materia de TV-IP universitarias.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.07.2007.