Representantes de universidades de Azerbaijan, Kirgyzstan, Tajikistan e Ucraína visitan o campus de Lugo
Unha delegación de representantes de universidades de Azerbaijan, Kyrgyzstan, Tajikistan e Ucraína completaron este xoves unha visita ao campus de Lugo da USC no marco do programa Tempus univia project workshop. Neste proxecto, orientado a desenvolver e mellorar a xestión das relacións internacionais destas universidades de países do leste mediante o exemplo das estratexias xa aplicadas por outras universidades europeas, participan, ademais da Universidade de Santiago, a University of Warwick de Reino Unido, a Universidade de Málaga e a Studiorum Universitá de Bologna, en Italia.
Esta expedición universitaria, que chegou ao campus de Lugo procedente de Santiago de Compostela, onde desde comezos desta semana está a completar un amplo programa de visitas e sesións de traballo para coñecer en profundidade o funcionamento da USC en materia de relacións internacionais, aproveitou a súa estadía na sede universitaria luguesa para percorrer parte das instalacións da Escola Politécnica Superior e tamén da Facultade de Veterinaria. O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, recibiu a delegación estranxeira na EPS, onde logo o propio director do centro, Javier Bueno, acompañou aos visitantes polas distintas dependencias (aulas e laboratorios), ao tempo que lles explicou algunhas das liñas de investigación nas que se está a traballar. Unha vez completada a visita á Escola Politécnica, esta comitiva de representantes universitarios completou un amplo percorrido pola Facultade de Veterinaria da man da vicedecana Patricia Fernández de Trocóniz. Xa en quenda de tarde, a delegación de representantes da State Economic University e da Ganja State University en Azerbaijan, da Poltava University of Economics and Trade de Ucraína, da International University de Kyrgyzstan, do Institute of Entrepeneurship and Service de Tajikistan, así como os enviados para esta cuestión do Ministerio de Educación e Ciencia de Kyrgyzstan e do Ministerio de Educación de Tajikistan, gozaron de tempo de lecer para visitar a cidade de Lugo e coñecer a súa muralla romana, así como outros dos vestixios romanos e xacementos arqueolóxicos máis salientables.